A tableta de Jolla verá a luz grazas ao apoio masivo de mecenas

xoves, 20 de novembro do 2014 Marcus Fernández

A compañía finlandesa creada por ex traballadores de Nokia, Jolla, quere facer realidade unha tableta que funcione co seu sistema operativo Sailfish, e para conseguilo precisaba de 380.000 dólares, polo que decidiron recorrer ao micromecenado, e organizaron unha campaña en Indiegogo que en poucas horas superou o seu obxectivo, e que no momento de escribir estas liñas xa está a piques de chegar ao millón de dólares, deixando clara a confianza que teñen en Jolla os mecenas.
O Jolla Tablet pretende ser a primeira tableta con Sailfish OS 2.0, que vería a luz en maio de 2015 e que custaría 209 dólares (182,82 euros cos gastos de envío incluídos), polo que por un prezo relativamente axustado ofrece un produto de calidade que, aínda que non funcione con Android, si é compatible coas súas aplicacións.
A tableta ten unha pantalla IPS de 7,85 polgadas cunha resolución de 2.048 x 1.536 píxeles (polo que podería medirse co iPad mini 2 ou coa Nokia N1), ten un procesador de 64 bits e catro núcleos a 1,8 GHz, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria microSD de até 32 Gb), cámaras de 5 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, GPS, batería de 4.300 mAh (posiblemente o seu punto máis feble), un grosor de 8,3 milímetros e un peso de 384 gramos.

Jolla pretende que a tablet con Sailfish OS poida ser realidade en maio de 2015


Vídeo promocional da campaña de micromecenado de Jolla

PUBLICIDADE