A solución de xestión empresarial FacturaScripts amplía o catálogo libre do CDTIC Virtual

venres, 21 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Centro Demostrador TIC Virtual vén de ampliar a súa listaxe de aplicacións libres a disposición das empresas, desta volta cunha nova ferramenta destinada a facilitarlles a xestión: FacturaScripts. A nova solución, segundo informa AMTEGA (axencia autonómica da que depende o CDTIC Virtual), está concibida para axudar aos usuarios na planificación de recursos empresariais e na administración da relación cos clientes. Entre as súas funcionalidades máis salientábeis figuran a capacidade de engadir clientes á nosa lista ou produtos ao catálogo mentres estamos a crear unha factura ou un albará.
Tamén posibilita a realización de cálculos automáticos de prezos e custos de venda; ou a capacidade de xerar orzamentos que logo se poden converter en pedidos, albarás e/ou facturas. En palabras de AMTEGA, trátase dunha ferramenta “completamente accesíbel dende calquera dispositivo que teña un navegador web que conta tamén cun amplo catálogo de plugins e unha activa comunidade de colaboradores”.
A incorporación de FacturaScripts ao repositorio do CDTIC Virtual amplía aínda máis un catálogo de por si amplo, formado por Zabbix, unha ferramenta de software libre para seguimento de equipos e redes; Nextcloud, un servizo para compartir arquivos na nube; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; CiviCRM, un software de xestión de relacións con clientes (CRM) orientado ao seu uso por parte de organizacións que traballan no eido social; PrestaShop, unha plataforma web de comercio electrónico (ecommerce); Alfresco, un software de xestión documental profesional; e Tenda en liña con WordPress, unha ferramenta ideal para comercios cun catálogo pequeno.

PUBLICIDADE