A simulación de granxas chegará ás novas consolas o mes que vén

venres, 10 de abril do 2015 Marcus Fernández

Que en ordenadores persoais hai xogos de simulación de case calquera cousa non debería sorprendernos, pero que estes títulos de nicho cheguen a consola de videoxogos é menos frecuente, xa que precisan chegar até unha masa crítica de usuarios que faga rendible a súa conversión a consola, o que parece que conseguiron dende GIANTS Software co seu Farming Simulator 15, dispoñible dende o pasado outono para Windows e OS X por 29,99 euros, e que o vindeiro 19 de maio estreará versións para PS3, Xbox 360 (a 39,99 euros) e, por primeira vez na historia desta franquía, tamén para PS4 e Xbox One (a 49,99 euros).
Este simulador lévanos a superar os retos diarios dunha granxa moderna, como traballar con animais (vacas, polos e ovellas), cultivar a terra e colleitar, para o que cóntase cun catálogo de máis de 100 vehículos e ferramentas, máis de 40 marcas licenzadas (como New Holland, Case IH, Deutz-Fahr, Ponsse...). Tamén se pode talar o monte e incluso gozar dun modo multi-xogador cooperativo para poder gozar deste título cos amigos (até 15 persoas poderán axudar a levar unha granxa).
Esta franquía converteuse en todo un fenómeno, vendido máis de 2,5 millóns de copias da súa versión do ano 2013, e prometendo un acabado moi mellorado nesta nova entrega que vén de estrear trailer:

O xogo conta cun completo catálogo de vehículos reais
En Farm Simulator 15 poderemos sementar e colleitar a nosa propia explotación agrícola virtual

PUBLICIDADE