A serie infantil Dic, dac, docs pode verse desde hoxe no Portal da Lingua Galega

martes, 7 de decembro do 2021 S. P.

O Portal da Lingua, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, segue a ser un referente fundamental de contidos en galego na Rede. Sen ir máis lonxe, dende este 7 de decembro está dispoñíbel en Lingua.gal unha serie documental infantil moi acaída para este tempo de lecer e vacacións que se aveciña (e que xa tivo un primeiro e importante avance nesta ponte festiva da Constitución). Estamos a falar de Dic, dac, docs, unha contribución audiovisual que amais de achegar diversión e “uns contidos moi coidados” para a rapazada, serve de elemento normalizador do galego. Por certo que tamén pode verse a canle de Youtube de Política Lingüística.
Así o informou o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, na presentación da serie, elaborada por Adarme Visual para o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia.
Valentín García subliñou a importancia de “produtos tan coidados coma este” dirixidos á transmisión do galego ás novas xeracións. Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participaron na presentación os directores do proxecto Dic, dac, docs, David Hernández e Álex Penabade. Conta co guión de María Reimóndez e mais dos directores do proxecto -Álex Penabade e David Hernández-, a voz en off de María Roja e a música de Iván Blanco.
Dirixida a nenos e nenas de 2 a 7 anos, os cinco breves capítulos que compoñen esta serie teñen a finalidade de facilitarlle á cativada a adquisición de vocabulario en galego. Cada capítulo está dedicado a un tema (a cidade, a horta, a casa, a granxa e os medios de transporte), que será o eixo a través do cal os pequenos descubrirán os elementos e as palabras en galego relacionadas con ese eido. Todos os capítulos están encadrados no ámbito galego e cunha referencia clara á xeografía e á cultura de Galicia.
Dic, dac, docs forma parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022. Este fondo, que impulsou un milleiro de iniciativas durante a pandemia, é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que a Xunta puxo en marcha ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural para ofrecerlle á cidadanía contidos de ocio en lingua galega ao tempo que se apoiaba economicamente ao sector cultural.

Vídeos de Dic Dac Docs publicados en YouTube

PUBLICIDADE