A serie de xogos de Halo para Xbox 360 xa funciona en Xbox One

venres, 22 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Os amantes da saga de xogos de Halo que teñen unha Xbox One estarán encantados de saber que esta serie de xogos que chegou ao seu esplendor en Xbox 360 xa pode gozarse completamente grazas á retrocompatibilidade, xa que veñen de incorporar a posibilidade de xogar dende Xbox One ás versións de Xbox 360 de Halo 3, Halo 3 ODST Campaign Ed., Halo 4 e Halo: CE Anniversary (de disco).
Deste xeito, quen xa teña estes títulos para Xbox 360 poderán xogalos na Xbox One, sen ter que agardar a que remastericen toda a serie. Até o momento era preciso adquirir Halo: la colección Jefe Maestro para poder gozar dos vellos xogos de Halo para Xbox 360 (coa excepción de Halo Reach), pero coa ampliación do catálogo de xogos retrocompatibles non serán poucos os que agora poderán rememorar esta completa saga sen ter que conservar a súa consola da anterior xeración, facilitando tamén o acceso a estes títulos por parte das novas xeracións de xogadores.
Máis complicada é a situación de Halo 2, xogo que por ter saído inicialmente na Xbox orixinal aínda non está dispoñible como título retrocompatible, o que poderá acontecer en breve, xa que os xogos de Xbox tamén recibirán este tratamento, de xeito que a Xbox One será a consola con maior soporte entre xeracións da historia.

PUBLICIDADE