A serie de televisión Spartacus estrea videoxogo Free-to-Play

mércores, 10 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Ubisoft está a dar conta do lanzamento do seu xogo Spartacus Legends, baseado na serie de televisión de Starz e desenvolvido por Kung Fu Factory como un xeito de vivir combates de gladiadores tanto en local como en liña, visitando distintas arenas, combinando numeroso armamento e facendo gala de distintos estilos de loita.
Spartacus Legends publícase baixo a fórmula do Free-to-Play, de xeito que pode descargarse de balde para Xbox 360 e PlayStation 3 (plataforma á que chegará en breve), coa posibilidade de adquirir equipamento dende o propio xogo. Permite competir en retos semanais e competir en liña para prosperar en táboas de clasificación globais, agardando chegar a un público moi amplo grazas á posibilidade de comezar a xogar totalmente de balde.
Cómpre destacar que estamos ante un xogo para adultos, pola súa intensa violencia, a presenza de espidos, as alusións sexuais e a forte linguaxe, ou sexa, por seguir a mesma liña da coñecida serie de televisión que o inspirou (e que este ano chegará á súa fin).

Spartacus Legends permítenos revivir os combates violentos na liña do que puidemos ver na serie de televisión de Starz


Trailer europeo de Spartacus Legends

PUBLICIDADE