A serie Miracle Tunes de Portocabo chega a app de Xabarín e á TVG2

martes, 20 de outubro do 2020 S. P.

A serie Miracle Tunes da produtora galega Portocabo xa está dispoñíbel na nosa lingua na aplicación móbil do Xabarín e máis na canle segunda da Televisión de de Galicia, a TVG2. Trátase dunha ficción dirixida polo ourensán Toño López que vén con feitura de live action musical e que inclúe 51 capítulos nos que se combina música, baile, estética futurista e apoderamento feminino. A serie vén cos mellores precedentes, logo do importante éxito de público acadado en Italia e, no caso dos capítulos xaponeses orixinais, en boa parte do mercado asiático. Amais, ten o privilexio de ter sido a contribución audiovisual elixida polo ente público para estrear a plataforma dixital do Xabarín.
A serie, producida pola galega Portocabo, ShowLab (Italia), Blasteem (Italia), Mediaset (Italia) e Kamca Group (Suiza), é a adaptación para Europa da ficción xaponesa do mesmo nome, que se estreou en 2017 e que desde entón se converteu nun auténtico fenómeno en múltiples países asiáticos.
Nela, e baixo a dirección de Roberto Cenzi e Toño López, cóntase a historia dunhas nenas de 12 anos que combaten o mal mediante a enerxía positiva que transmiten a través da súa música e dos seus bailes.
As protagonistas de Miracle Tunes son Emily, Jasmine, Julie, Charlotte e Shophia, que forman o grupo musical Miracle Miracle. Pero non só son ídolos da música, senón que tamén teñen a misión de loitar en segredo para salvar o mundo da música. Coa axuda da Deusa da música e cos seus bailes terán que intentar recuperar as xoias roubadas por Demon e agora en poder dos Doku Doku Dan. Demon converteu as xoias en maléficas, de xeito que cando un humano as mira convértese en malvado. As Miracle Tunes terán que darse présa para recuperar todas as xoias, antes de que o mal triunfe e o mundo da música se extinga.

PUBLICIDADE