A semana que vén teremos dispoñible The Last of Us: Left Behind como xogo independente

luns, 4 de maio do 2015 Marcus Fernández

Hai máis dun ano o xogo The Last of Us para PlayStation 3 recibiu como contido descargable de pagamento Left Behind, un capítulo que enriquecía a historia principal a xeito de prólogo, e xusto agora que están a publicar en España a súa adaptación á banda deseñada, dende Naughty Dog anuncian que van lanzar na PlayStation Store The Last of Us: Left Behind como xogo independente o vindeiro día 12 a un prezo de 9,99 euros, de xeito que non será preciso contar con xogo principal para poder vivir esta aventura que poderá xogarse en PS3 ou en PS4.
Estamos ante un curioso xeito de achegarse a The Last of Us, vivindo unha aventura totalmente allea ao seu arco principal, narrando a orixe de Ellie, rapaza que xunto coa súa amiga Riley falta a clase para visitar un almacén abandonado e gocen da súa amizade a xeito de despedida.
Este contido descargable tamén inclúe unha versión de proba de dúas horas do modo multi-xogador Faccións, o que pode ser un incentivo para adquirir logo o xogo completo, que na tenda de descargas está á venda por 14,99 e 24,99 euros nas súas versións de PS3 e PS4 respectivamente, prezo que se incrementaría en 10 euros de incluír o citado modo en liña.

PUBLICIDADE