Presentación na Coruña do libro Sobre Mario

martes, 22 de maio do 2018 Marcus Fernández

O vindeiro día 31 ás 20:00 horas presentarase na libraría Arenas da Coruña o libro Sobre Mario: de fontanero a leyenda 1981-1996 de Adrián Suárez Mouriño e Álex Pareja Loeches, no que exploran e analizan o deseño do xogo que converteu a Mario nun referente. Ao acto acudirán un dos seus autores, o galego Adrián Suárez, a quen acompañará o director da páxina web de videoxogos Vandal.net, Pablo Grandío.
O libro editado por Star-t Magazine Books fai unha achega diferente á figura de Mario, ao analizar a conciencia o deseño de cada un dos seus xogos, das súas mecánicas e da evolución do famoso fontaneiro entre 1981 e 1996. Comezan falando da serie Super Mario, aínda que tamén abordan outras series como Super Mario Land, Mario Kart e Super Mario RPG, sen esquecer outros elementos da historia do personaxe como a película de acción real ou as maquiniñas Game & Watch.
Dende a editorial aseguran que Sobre Mario é o primeiro libro de ensaio en castelán dedicado en exclusiva ao personaxe máis famoso de Nintendo.

Adrián Suárez, un dos autores do libro, é doutor en narrativa de videoxogos pola Universidade da Coruña

PUBLICIDADE