A semana pasada vendéronse 335.000 novas consolas portátiles de Nintendo en Europa e EE.UU.

martes, 17 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Nintendo presentou hoxe un novo informe de resultados trimestrais (para o período fiscal que rematará o mes que vén) e dentro dos datos máis salientables incluídos na presentación realizada polo presidente da compañía, Satoru Iwata, destaca que xa adiantan as vendas das novas consolas New Nintendo 3DS que saíron á venda en EE.UU. e Europa a semana pasada, e que suporía a colocación no mercado de 335.000 unidades (da que 160.000 corresponderían a Europa).
Os xogos que acompañaron ás novas consolas tamén tiveron unha acollida que melloraba ás anteriores entregas das súas respectivas franquías, e así The Legend of Zelda: Majora’s Mark 3D colocou unhas 340.000 copias nos EE.UU. e 230.000 en Europa, mentres que The Legend of Zelda: A Link Beween Worlds tiveran que conformarse con 180.000 e 150.000 unidades respectivamente. No caso de Monter Hunter 4 Ultimate vendéronse unhas 110.000 copias, mentres que Monter Hunter 3 Ultimate vendera unhas 40.000, deixando claro que as consolas portátiles de Nintendo gozan de boa saúde tanto na venda de hardware como de software.
Pero o meirande éxito de Nintendo nos últimos meses parece ser un novo negocio, o das figuras amiibo, que se lanzaron xunto co xogo Super Smash Bros. para Wii U, e están a venderse de xeito espectacular, cun 5,7 millóns de unidades en circulación, que espérase que continúen a medrar, xa que agora non só a Wii U será compatible con estas figuras, senón que tamén poderán interactuar cos xogos de 3DS empregando un adaptador para as vellas consolas (que sairá á venda no verán) ou directamente nas New Nintendo 3DS (que integran NFC para poder identificar as populares figuras). Tamén teñen pensado levar a fórmula das figuras amiibo a cartas, así como unha aplicación descargable para Wii U que permite gozar de xogos das vellas consolas Nintendo e Super Nintendo coas figuras amiibo.
Nintendo tamén publicou unha listaxe coas figuras amiibo máis vendidas nos distintos mercados, o que permítenos saber que en Europa o personaxe de meirande éxito foi Link, seguido por Mario e Pikachu, que parecen ser as figuras máis populares entre o público occidental, mentres que no Xapón Kirby consegue superar a Pikachu. Cómpre destacar que varias figuras amiibo xa se esgotaron, e Nintendo está a procurar axustar a súa produción á demanda, o que tamén está a provocar que algunhas figuras pasen a ser auténticas pezas de colección, xa que o número de unidades postas en circulación foi tan limitado que promoveuse a súa venda de segunda man a prezos bastante elevados para un produto tan novo.

PUBLICIDADE