A sede herculina do Colexio de Enxeñeiros Industriais acolle hoxe as xornadas Coruña Smart City

mércores, 11 de febreiro do 2015 Redacción

Esta tarde, a partir das 19.30 horas, celébranse as xornadas Coruña Smart City, que se levarán a cabo nas dependencias do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia na devandita cidade. O encontro, que será inaugurado polo alcalde (Carlos Negreira) e o decano do colexio (Oriol Sarmiento), incluirá unha presentación da iniciativa para converter Coruña nunha Cidade Intelixente, debullándose os piares básicos da mesma: achegar un novo modelo de cidade cunha mellor xestión tecnolóxica dos datos xerados polas actividades e infraestruturas urbanas, e favorecer a participación da cidadanía no desenvolvemento do proxecto e no aproveitamento de todas as posibilidades de información e comunicación que fornece.
En base ao devandito, farase fincapé no potencial de Coruña Smart City como unha oportunidade de modernización económic a e empresarial, e tamén de transferencia tecnolóxica (das empresas e os centros de I+D á cidadanía, e viceversa).
Ás 20.00 horas, Pablo Vázquez Muñiz, director de planificación e administración electrónica do Concello da Coruña, disertará sobre Coruña Smart City: integración tecnolóxica para unha xestión holística da cidade. Pechará a xornada, ás 20.30 horas, o enxeñeiro industrial Anxo Feijóo Lorenzo, director xeral de EcoMT, que presentará un exemplo de aplicación de tecnoloxía OTEA con módulo de intelixencia artificial para a telexestión e monitorización de 54 edificios municipais e integración con plataforma Sofia.

PUBLICIDADE