A sede electrónica da Xunta fará posible a presentación telemática de todos os trámites en 2015

xoves, 24 de outubro do 2013

O presidente Alberto Núñez Feijoo anunciou hoxe que a sede electrónica da Xunta fará posible a presentación telemática para todos os trámites en 2015 e simplificará o acceso mediante claves a través do teléfono móbil. Constatou o bo funcionamento da sede electrónica, xa que nos primeiros nove meses do ano os cidadáns presentaron telematicamente máis de 11.000 procedementos, “o que significa un aforro aproximado de un millón de euros para cidadáns e empresas”.
Ademais, segundo dixo, o éxito da sede electrónica “queda patente nas seguintes cifras: preto de seiscentos procedementos dispoñibles xa e máis de 200.000 visitas, case o dobre das realizadas en todo o 2012”. Nesa liña, sinalou, ademais, que no pasado mes de setembro, o número de presentacións electrónicas creceu máis dun 300 por cento con respecto ao mesmo período do ano anterior, de 143 a 3.074.
Por outra banda, Feijoo destacou tamén a decisión no Consello do Goberno galego de simplificar a xestión telemática coa Administración facilitando o uso de claves concertadas entre os cidadáns e Xunta para acceder á sede electrónica, como principal medida do protocolo de identificación e sinatura electrónica aprobado hoxe pola Xunta.
Coa posta en marcha desta medida, que se prevé que estea operativa en 2014, a Xunta habilita un novo mecanismo de acceso á Administración electrónica para evitar que “as persoas menos familiarizadas co emprego das novas tecnoloxías queden excluídas dos servizos electrónicos”.

PUBLICIDADE