A saga de xogos Metro saltará á nova xeración no verán

xoves, 22 de maio do 2014 Marcus Fernández

4A Games e Deep Silver confirma hoxe que a serie de xogos Metro vai chegar á nova xeración de consolas pero, en vez de estrearse directamente cun novo título, faino botando a vista atrás con Metro Redux, que vén a ser a versión remasterizada e mellorada dos xogos Metro 2033 e Metro: Last Light, que amosarán uns gráficos moitos máis definidos, animacións a 60 imaxes por segundo e características e contido novo que fagan que esta revisión sexa algo máis que unha actualización gráfica.
O xogo Metro 2033 reconstruíuse coa última versión do motor 4A para poder gozar das melloras gráficas e a xogabilidade de Metro: Last Light; o aspecto gráfico remasterizouse completamente (iluminación avanzada, clima dinámico, personaxes máis detallados e con mellores animacións, destrución máis dinámica, efectos de fume, lume e partículas mellorados); e unha xogabilidade moi mellorada (intelixencia artificial de inimigos avanzada, mecánicas de combate e sixilo melloradas, manexo de armas máis sensible, controis intuitivos e as características especiais de Last Light como a mecánica atmosférica de limpeza de máscara, a personalización de armas e as baixas e eliminacións silenciosas).
Os xogos incluirán os contidos descargables publicados ata a data (o que supón máis de 10 horas de xogos adicionais para o modo campaña para un xogador) e incluso poderase elixir o estilo e xogo coa que revisar estes títulos (cun modo Survival orientado ao survival horror e un modo Ranger máis desafiante, sen interface gráfica en pantalla).
Os xogos poderanse mercar en formato descargable para Xbox One, PlayStation 4 e PC a 19,99 euros cada un ou xuntos en formato físico baixo o título de Metro Redux a un prezo recomendado de 39,99 euros. As versións para consola e Windows chegarán este mesmo verán, e antes de rematar o ano agárdase a súa estrea para Linux e SteamOS.

Os títulos da franquía Metro actualizan tanto os seus gráficos como as súas mecánicas de xogo


Trailer de presentación de Metro Redux

PUBLICIDADE