A saga Donkey Kong Country estréase mañá en Wii U

xoves, 20 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

A saga de Donkey Kong Country conseguiu recuperar un dos personaxes máis icónicos de Nintendo e convertelo en protagonista do seu propio xogo para Super Nintendo en 1994, e tras unha longa travesía no deserto nos últimos anos volveu con Donkey Kong Country Returns para Wii e Nintendo 3DS, recuperando o espírito do grande xogos de plataformas de desprazamento lateral orixinal, deixando ao público e á crítica moi satisfeitos, polo que resultaba inevitable que a Wii U tamén fose a contar cunha nova entrega da saga, Donkey Kong Country Tropical Freeze, que chegará mañá mesmo ás tendas de videoxogos.
O novo xogo manterá a mesma mecánica, tendo que movernos con distintos Kongs andando, saltando, rodando e nadando para superar completísimos niveis cheos de acción e sorpresas. Entre as grandes curiosidades deste xogo está a aparición dun vello personaxe, Cranky Kong, que resulta ser o gorila ao que Mario (coñecido daquela como Jumpman) se enfrontaba no primeiro Donkey Kong, e que desta volta sería o avó do protagonista da saga Donkey Kong Country. Outros Kongs que saen neste título son os pequenos Diddie e Dixie Kong, con cadansúa habilidade, contribuíndo á diversión e variedade no que promete ser un dos mellores xogos no catálogo da consola de alta definición de Nintendo.


Trailer de lanzamento de Donkey Kong Country Tropical Freeze

PUBLICIDADE