A sadense Difoosion estrea un blog sobre o mundo do motor

mércores, 8 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Difoosion, a rede de blogs con sede en Sada que conta con espazos na Rede como Xombit, Andro4all, Applésencia e WinPhone metro, entre outros, está a acoller un novo caderno de Internet no seu catálogo, Freno Motor, no que pretenden que o usuario atope consellos prácticos de condución eficiente e avanzada, temas relacionados co mantemento do coche, consellos sobre todo tipo de situacións, o funcionamento dos distintos sistemas tecnolóxicos dos automóbiles e probas de todo tipo de coches e a actualidade máis recente.
Este novo espazo sería a primeira estrea de Difoosion durante 2014, e xa conta con contidos abondo para saber o que achegará esta publicación dixital nos vindeiros meses, aínda que cómpre destacar que están abertos a colaboracións, polo que os interesados en ser editores deste novo caderno en liña poden contactar cos responsables de Difoosion para entrar no correspondente proceso de selección.
Como vén a ser habitual neste tipo de publicación en liña, aparte de seguirse a Freno Motor a través da súa páxina web, tamén é posible subscribirse ao seu fluxo RSS ou seguir a publicación a través dos seus perfís en redes sociais (Twitter, Facebook e Google+).