A revolución tecnolóxica instálase no deporte de alto nivel da man de Balidea

martes, 7 de xuño do 2016 Redacción

Cando unha empresa TIC comeza un proxecto de I+D+i, dificilmente pode imaxinar que a levará a pisar o céspede dun campo de 1ª división no que está xogando Messi ou Cristiano Ronaldo. Non foi un camiño doado para a firma galega Balidea, pero si unha mostra de como as ideas innovadoras para o desenvolvemento de proxectos propios de I+D+i acaban colleitando resultados. O proxecto nace dunha colaboración co grupo de investigación de INEF da Universidade da Coruña (UDC), na que se detectou a necesidade dun produto tecnolóxico que contribuíse a mellorar o rendemento deportivo.
Así o explica Ángel Vales, membro do grupo e analista da selección española de fútbol: “A evolución do deporte contemporáneo demanda dos técnicos unha maior capacitación e especialización a todos os niveis de intervención: técnico, psicolóxico, tecnolóxico, etc, e para mellorar o nivel de aprendizaxe e rendemento, adestradores e deportistas precisan apoiarse cada vez máis en determinados recursos, sobre todo de videoanálise”.
Deste xeito xurdiu ADESTRapp, unha aplicación concibida para a captación, transmisión e análise de vídeo en tempo real, inicialmente enfocada ao adestramento. No seu camiño e evolución cruzáronse unha morea de deportistas, técnicos e competicións, que contribuíron ao seu testado, mellora e implementación tamén para competición e arbitraxe.
Pablo López Vidal, consultor de Balidea, ex futbolista e adestrador do C.D. As Pontes, explica como se decataron de que “no fútbol profesional só se facía unha análise dos partidos a posteriori”. E engade: “pensamos que se fósemos capaces de transmitir imaxes de vídeo en directo ao banco, coa posibilidade de retardar, editar e rebobinar, lle daríamos unha información moi valiosa aos adestradores para corrixir in situ cuestións técnico-tácticas”.
Nos comezos estivo presente tamén Ramiro Amarelle, adestrador do F.C. Barcelona de fútbol praia e considerado o mellor xogador da historia deste deporte. A súa colaboracións serviu para probar o produto na Beach Soccer Cup 2015, o torneo internacional de fútbol praia que se celebrou en Barcelona no mes de maio do ano pasado. “Introducir o produto nunha contorna de competición fixo que nos decatáramos das dificultades que poderían presentar os espazos con grande concorrencia de espectadores, obrigándonos a mellorar de xeito significativo o sistema de transmisión de imaxes neste tipo de convocatorias”, lembra José Ángel Abeal, director de Desenvolvemento de Negocios de Balidea.
Pouco despois, xa coa aplicación máis evolucionada e da man do Judo Club Coruña, comprobouse a súa grande utilidade nos adestramentos con nenos, incrementando o seu nivel de motivación, a súa atención e, por extensión, a súa técnica. De aí deuse o salto ao XV Torneo Internacional de Judo Vila de Avilés, o maior de España, con máis de 1.500 judokas competindo e 4.000 espectadores. Como era de agardar, xurdiron novos desafíos. A competición desenvolvíase de maneira simultánea en sete tatamis, polo que foi preciso instalar sete dispositivos de gravación diferentes nun espazo físico relativamente limitado. “Mais non foi só iso, pois as interferencias coas numerosas Wi-Fis presentes no evento dificultaron o bo funcionamento de ADESTRapp, que houbo que revisar e mellorar tamén neste senso”, relata René Pacios, responsábel técnico do proxecto.
Ese longo percorrido non foi en van e á fin chegou o gran día, o salto á primeira división de fútbol nun R.C. Deportivo - Celta, con 30.000 espectadores en Riazor. Foi unha nova proba de forza, que a aplicación superou, mais non con menos dificultades. Ata o momento non se enfrontara a un espazo tan amplo, polo que se detectou a necesidade de argallar un novo sistema de transmisión para poder aumentar a distancia entre a cámara e os dispositivos móbiles receptores.
A versatilidade desta tecnoloxía, a súa capacidade de adaptación a calquera actividade deportiva e o seu fácil manexo posibilitaron a súa rápida evolución e integración de todas esas novas necesidades. Hoxe en día xa ten capacidade para funcionar ao cen por cen en contornas con alta saturación de público e longa distancia. De aí que xa o teñan empregado outros equipos de 1ª división como o Levante C.F., o Athletic Club de Bilbao ou o Rayo Vallecano. Así mesmo, serviulle de apoio durante toda a tempada a equipos de 2ª e 3ª división, como o Nástic de Tarragona e o C.D. As Pontes; o Santiago Futsal xa o ten completamente integrado nos seus adestramentos; e empregouno tamén a Irmandiña, a selección galega de fútbol, no seu recente partido contra Venezuela.
A nova meta, como sinala Pablo López Vidal, é “consolidarse na 1ª división para que todos os clubs dispoñan dun na súa estrutura, tanto para usar nos partidos como nos adestramentos dos equipos profesionais e da base”; e tamén dar o salto internacional, xa cunha primeira aproximación ao equipo campión de fútbol sala nos Emiratos Árabes Unidos.
Que singulariza ao ADESTRapp?
O seu dispositivo de captura é moi manexábel e discreto, sen fíos e do tamaño dunha videocámara compacta convencional. Ademais, dispón dunha ampla autonomía, cunha batería cunha duración estimada de dez horas, e non emprega acceso a Internet nin a redes de datos locais, senón que envía as imaxes en tempo real por medio dun sinal de amplo alcance que xera o propio dispositivo.
Por outra parte, o seu software pode instalarse tanto en dispositivos Android coma iOS, dando a posibilidade de que todos eles conxuntamente ou de xeito individual poidan visualizar e editar o vídeo para a súa análise. "É multicámara e multiususario, polo que podemos ter imaxes de diferentes ángulos e estar conectadas varias persoas, comentando unha xogada simultaneamente”, explica Pablo López. “Achega asistencia táctica ao corpo técnico en competición e nas sesións preparatorias, permitindo unha conexión directa e en tempo real entre os técnicos situados ao pé do campo e os que están na grada”, engade Ángel Vales.
Entre outras opcións, ADESTRapp permite decidir o tempo de retardo, a velocidade de reprodución, rebobinar ou automatizar cortes. Segundo fai saber Pablo López Vidal “permite ter un feedback visual instantáneo co que a mellora dos deportistas, incluídos os máis pequenos, é inmediata”. Sen dúbida, fai honor ao refrán “unha imaxe vale máis que mil palabras”.
Cinco versións diferentes
ADESTRapp está xa implementado con cinco versións diferentes. A INSTANTreplay é a máis xenérica e adaptábel para diferentes espazos de competición e adestramento. A versión STREAMING dá acceso remoto a contidos deportivos. Ademais existen tres versión profesionais para tres deportes: FOOTBALL, GOLF e JUDO ADESTRapp.
As tres abranguen especificidades de cada unha destas disciplinas deportivas. No caso do golf, diversas persoas que coñecían a aplicación pensaron que sería de gran utilidade, pois é o deporte de especialización por excelencia. “En golf os xestos técnicos son a base da mellora e poder verse cun retardo e a cámara lenta ou con fotogramas desde distintos ángulos é fundamental para mellorar a técnica de golpeo”, comenta Pablo López Vidal.
Que opinan técnicos e deportistas sobre ADESTRapp?
Carlos Morales, terceiro adestrador e analista do R.C. Deportivo: “Antes entre a grada e o banco estabamos conectados telefonicamente só por voz, agora podemos ir corrixindo sobre as imaxes. A mellora é notábel, pois as indicacións por voz non sempre lle chegan ao xogador coa claridade e a eficacia que permite a imaxe. Sen dúbida é unha ferramenta que lle dá calidade ao noso traballo”.
Pablo Vidal López, adestrador do C.D. As pontes: “Usámolo en máis de trinta partidos e agora xa non podemos prescindir da aplicación, pois achega unha información moi valiosa tanto en competición como nos adestramentos para axudarlle a mellorar aos xogadores”.
Ramiro Amarelle, xogador do F.C. Barcelona e o A.C. Milán, xogador do Sporting Braga: “Ofrece unhas prestacións que non existían no deporte actual, permitíndolle aos adestradores analizar detalles inapreciábeis no directo. Ten aplicacións directas no rendemento deportivo que engloban aspectos individuais, que sempre axudan a aumentar o potencial global do equipo, e aspectos grupais e colectivos”.
Ángel Vales, analista de la selección española de fútbol: “Destaca o seu fácil e intuitivo manexo, así como a súa cómoda e rápida instalación en espazos tan ateigados como os estadios de fútbol”.
Máis de 400 proxectos en Europa e España
Balidea é provedora de servizos de consultoría, desenvolvemento e integración de software e externalización tecnolóxica e de servizos. Con preto de 200 empregados e oficinas en Reino Unido e Dinamarca, ademais de nas catro provincias galegas, Barcelona, Bilbao e León, ten acadado un alto grao de internacionalización.
A súa facturación anual ascendeu 7,1 millóns de euros en 2015, dos que un 19% se xerou fóra de España, o 56% en Galicia o 25 % no resto do mercado español. Ten traballado en máis de 400 proxectos dentro da Unión Europea, sendo unha das poucas empresas españolas TIC que na actualidade son provedoras das Nacións Unidas. Entre os seus clientes internacionais figuran tamén a Axencia Danesa da Enerxía ou a Axencia Europea de Pesca.
A nivel estatal desenvolve proxectos para os gobernos Vasco, andaluz e da Illas Baleares, a Comunidade de Madrid, o Ministerio de Defensa, o Instituto Nacional de Ciberseguridade, o Servizo Cántabro de Saúde ou a Deputación de Barcelona. No ámbito galego traballa para a Xunta de Galicia - AMTEGA, o Servizo Galego de Saúde, as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, a Smart City da Coruña ou a Deputación da Coruña.
O deportivo é un ámbito alleo á área habitual de traballo de Balidea, máis non chegou a el por casualidade, pois vén patrocinando anualmente diferentes eventos deportivos e equipos. Un deles é o Campus de Fútbol Praia Ramiro Amarelle, que se celebra na praia de Sabón en Arteixo durante o mes de xullo, e dentro do que se organiza unha xornada de convivencia con nenos e nenas afectados polo desastre de Chernóbil. Ademais, é patrocinador oficial do equipo de primeira división de fútbol sala Santiago Futsal.

PUBLICIDADE