A revolución educativa que impulsan os podcast centra un curso da UVigo para o profesorado

mércores, 5 de outubro do 2022 S. P.

Achegar os podcast e as súas potencialidades para a comunicación, a educación e a divulgación científica é o obxectivo dun curso organizado pola Área de Innovación en Educación da Universidade de Vigo, unha actividade formativa destinada ao profesorado que pon o foco nas posibilidades dos arquivos sonoros en liña para a docencia. O curso, de 20 horas de duración, impartirase a través da plataforma Moovi entre o 14 de novembro e o 14 de decembro en modalidade virtual asíncrona e o período de matrícula está aberto dende esta semana ata o 4 de novembro.
O curso, que impartirá o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán, xunto coa docente da Universidade da Coruña, Teresa Piñeiro, está orientado a descubrir e comprender as potencialidades do podcast como ferramenta educativa. Ao longo das catro semanas de docencia, as e os participantes aprenderán a facer un guión, gravar os audios e montar e editar o seu propio arquivo sonoro para compartir en servizos de distribución de podcasts ou nas ferramentas de teledocencia (Moodle, blog...).
O programa do curso comprende un primeiro módulo no que se realizará unha aproximación ao concepto de podcast, no que tamén se abordará o uso destes arquivos na docencia, na comunicación institucional e na divulgación científica. As e os asistentes tamén coñecerán as tipoloxías de podcast educativos e diversos exemplos de podcasting no ensino universitario. O segundo módulo centrarase no de deseño de arquivos educativos e nas posibilidades de integración deste tipo de contidos no deseño didáctico dunha materia. Neste bloque abordarán as diferentes etapas da creación, dende a planificación, a estrutura e o guión, ata as técnicas de escribir para escoitar.
Xa no terceiro bloque temático centraranse nas ferramentas de gravación de audio, no proceso de gravación e nas ferramentas de edición, como Audacity ou Garageband & Anchor. Finalmente, a última parte do curso centrarase na distribución, dende os diferentes repositorios ata o proceso de subir e distribuír podcast nestas plataformas ou integralos en Moodle.

PUBLICIDADE