A revista Nós celebra na Rede os seus cen anos

xoves, 23 de abril do 2020 S. P.

O Consello da Cultura Galega vai celebrar o centenario da revista Nós, e vaino facer mergullándose nas posibilidades de divulgación e comunicación das TIC, unha vertente tecnolóxica que vén de moi antigo no CCG pero que por mor da pandemia non fixo máis que intensificarse. Co gallo do centenario desta publicación impulsada por Castelao, Vicente Risco, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez, o Consello da Cultura Galega presenta a biografía das persoas vencelladas a esta histórica cabeceira. A serie comeza con Ánxel Casal, Xavier Prado “Lameiro”, Ricardo Carballo Calero, Arturo Noguerol e o director de Nós, Vicente Risco.
As biografías que axudan a entender o histórico proxecto editorial galego comezan co seu director, Vicente Risco, en palabras do CCG “peza fundamental da publicación”. Xunto á súa entrada está a doutra figura esencial como é Ánxel Casal, o editor que rescatou a revista nas primeiras dificultades económicas e fundou a editorial Nós, que imprimía e distribuía a revista, ademais doutras publicacións de referencia na historia da cultura galega, como por exemplo A Nosa Terra ou as contribucións do Seminario de Estudos Galegos, entre outras). Na entrada de Carvalho Calero, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, dáse conta da súa relevancia como colaborador asiduo desta publicación.
Segundo informa o CCG, cada quince días iranse incorporando novas entradas neste novo proxecto web para “poder entender a dimensión do proxecto”. Neste conxunto, agrupadas baixo a etiqueta Álbum Nós incluiranse persoas vencelladas ao consello de redacción, co de administración ou que publicaron na revista, o que implica que haberá xente moi coñecida pola súa obra literaria canda nomes menos coñecidos pero que foron claves para o proxecto.
Álbum de Galicia
Todas as entradas das figuras da revista Nós intégranse no Álbum de Galicia, o proxecto dixital biobibliográfico co que o Consello da Cultura Galega pretende dar a coñecer o legado de galegos e galegas en diferentes ámbitos. Esta iniciativa, presentada en xaneiro de 2020, é unha colección en liña de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos da cultura galega, como a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer “tanto a obra das persoas divulgadas como a produción intelectual existente sobre elas”, informa o Consello da Cultura, engadindo que a día de hoxe o acubillo online conta con medio millar de entradas de figuras representativas da cultura galega xa finadas, acompañadas de 1846 fotografías e 1392 documentos.

PUBLICIDADE