A revista Nintendo Power prepara o seu peche

martes, 21 de agosto do 2012 Marcus Fernández

A Nintendo Power recolleu boa parte da historia dos videoxogos nas súas páxinas durante os seus 24 anos de vida

Temos comentado en numerosas ocasións que as revistas de videoxogos están a padecer unha profunda crise debido á que a súa audiencia está a abandonar o papel en favor da web, e tras a desaparición de moitas cabeceiras a ambos lados do Atlántico, agora sabemos de que tras 24 anos nos quioscos norteamericanos vai deixar de publicarse a Nintendo Power, unha das publicacións con maior experiencia no sector, que segundo parece deixaría de contar coa confianza de Nintendo, compañía coa que non renovaría os seus acordos comerciais, de xeito que veríase abocada a pechar.
Ao parecer, parte do persoal desta publicación transferirase a outras revistas de Future Publishing como GamesRadar e MacLife, e aínda que non se coñece exactamente cando se publicará o seu derradeiro número, o seu editor, Chris Hoffman, asegura que procurarán que as últimas entregas sexan memorables, mentres que un dos redactores da revista, Phil Theobald, aseguran que teñen “planeado algo realmente bo para o número final”.
En 2007 a Nintendo Power conservaba 475.000 lectores, pero ao estar dirixido a un público novo que cada vez está menos afeito ás publicacións impresas, era inevitable o seu peche, quedando no recordo as moitas primicias mundiais que recolleron as súas páxinas e que nos últimos anos tamén serviron de fonte para moitas informacións recollidas na Internet.

PUBLICIDADE