A revista Computing premia ó CESGA polo proxecto do supercomputador Finis Terrrae, que podería estar en marcha a finais de ano

venres, 2 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Javier García Tobío, director do CESGA (á esquerda), recollendo o premio

Os Premios Computing 2007 están a traer boas novas para a nosa terra. Se onte informabamos do recoñecemento a Caixanova pola renovación das súas web e intranet, hoxe toca falar doutra iniciativa que nos toca de preto: o superordenador Finis Terrae que vai albergar o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Este macroproxecto, que podería estar activo a finais deste ano (con 2.500 nodos de procesadores, unha arquitectura de memoria compartida superior a 19.000Xb e un sistema xerárquico de almacenamento de 390.000 Xb en disco e 1Pb en libraría de cintas) constitúe precisamente a raizame do premio ó CESGA na categoría de I+D. O galardón xa foi dar ás mans dos técnicos do centro galego, nun acto celebrado este mércores 31 en Madrid.
Segundo apuntou a revista organizadora dos premios, “o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), con Salustiano Mato (director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia) á fronte da súa presidencia, colocouse en primeira liña das actividades de investigación en 2006 coa sinatura dun convenio de colaboración con HP e Intel que senta as bases para a instalación do supercomputador de memoria compartida Finis Terrae”. Cómpre sinalar que se as previsións do CESGA se cumpren este equipo informático podería dar servizo en 2008 a arredor de 4.000 investigadores de todo o mundo.

PUBLICIDADE