A rede de nova xeración de R chegará este ano a 1.200 empresas e fogares de Tomiño

venres, 6 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

A praza do Seixo en Tomiño nunha imaxe do xornal Baixo Miño

O concello pontevedrés de Tomiño incorporouse oficialmente aos municipios galegos que gozan das redes ultrarrápidas de Internet a través de fibra óptica (tecnoloxía FTTH de última xeración) que subministra a compañía galega R. O fornecemento destas tecnoloxías en Tomiño implica a dispoñibilidade de accesos de vangarda (con servizos avanzados de teléfono, Internet de alta velocidade con 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R) para un milleiro de fogares e empresas do núcleo do Seixo e a súa contorna. A esta cifra cumprirá engadir outras 400 unidades, entre negocios e entre residencias particulares, cando se complete o despregue da rede de R no núcleo de Goián. A maiores, sumaranse a finais de ano outros 300 fogares e empresas das localidades de Gándara, Lago, O Barro e O Cotro.
Segundo explica a compañía galega de cable, os traballos realizados no concello pontevedrés tentaron tirar o máximo proveito das infraestruturas previamente existentes nas dúas localidades.
O fornecemento de fibra en Tomiño abéiranse ao Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa, do que R foi adxudicataria en 2016 para despregar FTTH (fibra até o edificio) nas chamadas “zonas brancas”, é dicir, as que nunca dispuxeran de accesos de alta velocidade até este momento.
Xunto co da provincia de Pontevedra, o operador galego conseguiu tamén a adxudicación doutros dous proxectos; un, para as provincias de Lugo e Ourense e outro para a da Coruña. En total, os tres proxectos supoñen un investimento de preto de 8 millóns de euros, dos que 4,3 son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea, a través do Programa de Extensión de la Banda Ancha de Nueva Generación (PEBA-Plan Avanza) do Ministerio de Economía e Empresa. Só na provincia de Pontevedra o investimento total rolda os 3,35 millóns de euros, dos cales 1,84 proceden dos fondos europeos.
R engadiu que cando se completen os traballos de despregue nas catro provincias galegas, arredor de 33.000 fogares e empresas destas “zonas brancas” formarán parte do millón longo de fogares e negocios que a día de hoxe están en disposición de recibir os servizos avanzados de R en Galicia.

PUBLICIDADE