A rede de FTTH de Movistar chega xa ao 93% das unidades inmobiliarias de Pontevedra

xoves, 11 de agosto do 2022 S. P.

O centro histórico de Pontevedra nunha imaxe de Eldiario.es

A operadora Telefónica, a través de Movistar, fixo balance da presenza súa rede de fibra óptica até o fogar (rede FTTH) no concello de Pontevedra. Segundo fixo saber, o 93% das unidades inmobiliarias do municipio (vivendas unifamiliares, locais, oficinas, edificios de vivendas, etc) están xa conectadas á dita rede, en palabras da operadora “a rede de telecomunicacións máis rápida e avanzada do mercado”.
Este fito, engádese no balance, logrouse grazas a un intenso traballo por parte dos equipos de despregadura da compañía e aos plans de extensión desta infraestrutura, como o Plan de Extensión da Banda Ancha de Nova Xeración —PEBANG— e o Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (Único - Banda larga), impulsados ambos polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
O fornecemento da rede de fibra, centrada agora nas áreas máis rurais e orograficamente máis complexas, continuará polo menos ata decembro do 2023, cando se alcanzará case o 94,4 por cento das unidades inmobiliarias de Pontevedra. As máis apartadas, ás que sexa imposíbel conectar por FTTH, poderán dispor de banda larga vía radio ou satélite.
A compañía engade que “os fogares conectados por FTTH poden gozar xa da fibra óptica de Movistar, que ofrece voz con alta calidade nas chamadas e máxima velocidade de conexión a Internet en varios dispositivos (computador, tableta, móbil…) de forma simultánea e sen reducir a velocidade de conexión, entre outras vantaxes”. Ademais, se o usuario dispón de MovistarPlus+, terá acceso a canles de alta definición e poderá gozar dos seus contidos mentres navega por Internet, “ademais de conseguir a máxima velocidade e resposta nos xogos en rede”, engade a empresa.

PUBLICIDADE