A rede FTTH de R chegará antes de 2021 a 512 novos núcleos galegos

xoves, 14 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

O operador R comunicou hoxe a súa previsión de despregamento de redes de última xeración para o período que comprende entre 2019 e 2021. Segundo fai saber a empresa galega, arredor de 32.000 novos fogares e empresas de Galicia van quedar conectados ás súas redes FTTH (fibra até o fogar) ao remate dos tres novos proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa dos que a compañía de fibra vén de resultar adxudicataria. Isto tradúcese en levar Internet de alta velocidade a 512 núcleos galegos que até o de agora non dispuñan dela (zonas brancas).
No desenvolvemento destas adxudicacións investiranse un total de 10 millóns de euros, dos cales, preto de 8 millóns de euros serán subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea; e, desa cantidade da axuda, 6 millóns de euros como anticipo a fondo perdido.
Segundo informa R, un dos proxectos está destinado ao despregamento de redes de nova xeración en 196
núcleos do suroeste da provincia de Pontevedra. O investimento total neste caso é de 3,7 millóns de euros, 3 dos cales son subvencionados e, desa axuda, arredor de 2,3 millóns de euros a fondo perdido como anticipo dos fondos FEDER da Unión Europea.
Un segundo proxecto levará a banda larga de nova xeración con tecnoloxía FTTH a 162 núcleos de municipios do norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo. Para estas actuacións, cun investimento total de 3,5 millóns de euros destinarase unha axuda dos fondos FEDER de 2,8 millóns de euros, dos cales preto de 2,2 son a fondo perdido.
O terceiro dos proxectos adxudicados levarase a cabo en 154 núcleos doutros municipios da Coruña, norte de Pontevedra e oeste de Lugo. Os equipamentos nestas zonas suporán un investimento total de 2,6 millóns de euros, cunha subvención dos fondos FEDER de máis de 2 millóns de euros e, destes, preto de 1,6 millóns de euros a fondo perdido.
R engade que estas actuacións “daranlle volume aos despregamentos, xa en fase de comercialización,
dunha adxudicación anterior de tres proxectos do Plan PEBA-Avanza a R para, así mesmo, dotar de FTTH a outros 33.000 fogares e empresas situados en zonas brancas”.
A día de hoxe, a operadora ten levado as súas redes avanzadas con este Plan, a núcleos das localidades de Cuntis, Muros, Cerceda, Abegondo, Lourenzá, Barreiros, Palas de Rei, Monterroso, Ribadumia e Meaño; e tamén a outras zonas de municipios aos que xa chegara previamente coa súa rede de fibra coma Santiago de Compostela, Ordes, Miño, Sanxenxo, Cangas, Nigrán, Vigo ou Tui. En datas vindeiras a compañía galega proseguirá as súas actuacións en núcleos de Poio, Tomiño, O Rosal, Redondela, Ortigueira, Cedeira, Porto do Son, Camariñas, Mugardos, Boqueixón, Póboa de Trives, San Cibrao e Curtis.

116 municipios galegos e 140 polígonos industriais con R

Calcúlase que a rede de R medre preto dun 8% cando rematen todos os traballos das novas adxudicacións do Goberno central xunto cos dos anteriores despregamentos do Plan PEBA-Avanza tamén adxudicados á cableira galega. Así, preto de 70.000 fogares e empresas uniranse ao millón longo de fogares e negocios nun total de 116 municipios galegos, que están hoxe en disposición de recibir os servizos de R na comunidade.

PUBLICIDADE