A realidade mixta de Microsoft prepara a súa chegada a ordenadores e consolas

mércores, 1 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Coincidindo coa celebración do Mobile World Congress de Barcelona en San Francisco está a celebrarse unha nova edición da Game Developers Conference, congreso para creadores de videoxogos que Microsoft aproveitou para amosar a súa tecnoloxía de realidade mixta, e para animar aos creadores a realizar desenvolvementos para a mesma, adiantando que este mesmo mes van comezar a distribuír kits de desenvolvemento que faciliten a creación de experiencias que mesturen o noso contorno real con elementos virtuais.
Microsoft xa está a traballar con compañías como Acer, Asus, Dell, HP, Lenovo e 3Glasses para facer realidade cascos de realidade mixta que cun prezo asumible poidan popularizar a chegada desta prometedora tecnoloxía aos consumidores finais, e actualmente xa conseguiron cascos que integran sensores de seguimento, de xeito que non será precisa a realización de complexas instalacións para poder gozar da realidade mixta, o que elimina un dos grandes atrancos para espallar esta tecnoloxía.
Un dos primeiros produtos desta liña será o Acer Windows Mixed Reality Development Edition, un casco de realidade mixta que os asistentes á sesión sobre esta tecnoloxía na GDC recibirán nos vindeiros meses, e que xunto cunha completa documentación e un kit de desenvolvemento de software facilitará a creación de aplicacións de realidade mixta baixo Windows 10 que poderán funcionar tanto en ordenadores persoais como en consolas da familia Xbox One.
Este novo casco de realidade mixta integrará 9 pantallas LCD de alta resolución (1.440 x 1.440 píxeles) cunha velocidade de refresco de 90 Hz, integrará saída de audio e micrófono (a través dun conector de 3,5 milímetros) e precisará dun único cable HDMI 2.0 (para a imaxe) e outro USB 3.0 (para datos), polo que a súa instalación non sería tan complexa como nos sistemas de realidade virtual dispoñibles actualmente.
Aínda que esta tecnoloxía chegará a ordenadores persoais este mesmo ano (tras o lanzamento da grande actualización de Windows 10), non será até o ano que vén cando a veremos en consolas, o que podería ser un interesante incentivo para facerse coa Xbox One de alta gama que xurdirá a finais de ano do chamado Project Scorpio (da que aínda non se coñece o nome comercial). Temos así que a realidade mixta non será exclusiva de ordenadores de escritorio e HoloLens, senón que achegará a moitos outros dispositivos e probablemente en poucos meses teñamos produtos a prezos moito máis accesibles que os de Oculus Rift, HTC Vive ou incluso PlayStation VR.

Vídeo no que explican o concepto de realidade mixta

PUBLICIDADE