A rapazada galega ten unha cita coa programación divertida no quinto Scratch Day do CPETIG

xoves, 17 de outubro do 2019 Redacción

A ferramenta Scratch, unha linguaxe visual de programación moi indicada para introducir á rapazada nas vertentes tecnolóxicas máis creativas (polo que ten sinxeleza e de capacidade para impulsar a creatividade e o pensamento lóxico), vai ser o eixe temático da quinta edición do Scratch Day, que se celebra este 26 de outubro no Hotel Los Abetos de Santiago da man, novamente, do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA. A cita será unha boa oportunidade para que as e os escolares de entre 7 e 15 anos aprenda a programar co seu ordenador. Ou sexa, a construír elas e eles tamén as ferramentas da era dixital.
Segundo informa o CPETIG, trátase dunha sesión práctica, na que se mestura aprendizaxe e entretemento, e na que a cativada debe asistir acompañada polos pais ou as nais, é dicir, un adulto con cada escolar, “co propósito de que o coñecemento adquirido no Scratch Day poida ter continuidade no fogar”. A edición deste ano inclúe tamén un obradoiro dirixido ao profesorado.
Como novidade con respecto ás anteriores edicións, os escolares participantes (que deben levar ordenador portátil) traballarán esta vez con elementos hardware, aprendendo a programar accións sinxelas destes elementos e presenciando demostracións prácticas dos mesmos.
O V Scratch Day ten como obxectivo “difundir os valores da programación informática desde idades temperás no entorno da familia, de xeito que os escolares poden acceder ao mundo da programación de forma lúdica e divertida, tendo en conta que a través da programación se incentiva a creatividade, o emprendemento e a cultura libre, e mellora a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas”.
A maiores, o CPETIG pretende que “esta iniciativa contribúa a eliminar mitos en relación á programación informática e a superar desde a infancia os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento, difundindo as posibilidades que ofrecen as TIC e reducindo a fenda dixital de xénero”. Máis información e inscricións en http://scratchday.cpetig.gal.

PUBLICIDADE