A publicidade galega en Internet volverá ter premio

xoves, 19 de setembro do 2019 Redacción

A Secretaría Xeral de Política Ligüística vén de convocar, xunto co Parlamento e o Foro Enrique Peinador, a 26 edición dos Premios de Publicidade en Galego, uns galardóns ao mellor da nosa creatividade comercial que novamente terán un piar directamente asentado no tecnolóxico. Os detalles da nova edición foron dados a coñecer esta semana polos responsábeis das ditas entidades, Valentín García, Miguel Ángel Santalices e Xosé González. Os galardóns tamén farán especial fincapé na promoción do uso do galego dende o ámbito da publicidade e a mercadotecnia.
Haberá cinco categorías: radio, televisión, Internet, prensa escrita e centros de formación de futuros profesionais do ámbito. O prazo de inscrición abriuse este 18 de setembro para pecharse o vindeiro 18 de outubro. As bases e toda a información están dispoñíbeis no Portal da Lingua Galega.
Segundo fixeron saber, os recoñecementos á mellor publicidade en galego non son novos, e tiveron unha primeira vida até o ano 2016, sendo nese período convocados polo Consello Asesor de RTVE-G e a Corporación RTVG. A nova andaina, moi centrada nos novos formatos e códigos de comunicación que acompañan o desenvolvemento tecnolóxico, terá o seu intre culminante no mes de novembro, co acto de entrega de premios no marco da conmemoración do Día da Galeguidade Empresarial.
Na pasada edición, resultaron premiados o proxecto Tarxeta PassVigo (encargado por Viguesa de Transportes-VITRASA á axencia Ecovigo Publicidade S.l.) e as campañas de dinamización comercial Compostela Monumental 2017 (impulsadas pola Asociación Compostela Monumental e realizadas por Fancylooks).

PUBLICIDADE