A programación e a realidade virtual inclusiva centraron a última sesión do ano dos Almorzos TIC Talk

xoves, 1 de decembro do 2022 S. P.

Este martes 29 de novembro o CITIC (o Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña) acolleu a sétima e última sesión do ano dos Almorzos TIC Talk. Os protagonistas do encontro, que ten a finalidade de achegar o traballo realizado no centro nun ambiente distendido, foron Christian Álvarez Peláez e Manuel Lagos Rodríguez.
En primeiro lugar, Christian Álvarez Peláez presentou a súa investigación Aplicación de programación matemática á optimización dun proceso industrial, centrándose nun caso de estudo nunha planta de regasificación na que se optimizaron as súas operacións para o aumento da produtividade.
A continuación, Manuel Lagos Rodríguez expuxo a súa temática de tese Realidade Virtual aplicada á promoción do envellecemento activo e á rehabilitación de persoas con diversidade funcional, explicando as vantaxes de utilizar espazos para este fin, xa que son máis seguros, personalizables e económicos. Para finalizar, os/as participantes acudiron ao Demostrador Tecnolóxico para probar o catro escenarios de realidade virtual desenvolvidos polo investigador, empregando o sistema óptico de rastrexo de mans leap motion, que permite interactuar co contido dixital sen necesidade de mandos.

PUBLICIDADE