A principal competición europea de League of Legends muda de marca

luns, 26 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Os deportes electrónicos, como un sector emerxente, está aínda a experimentar moitos cambios, e a LCS EU vén de mudar a súa marca a League of Legends European Championship (LEC), de xeito que a principal liga de eSports de League of Legends en Europa ten un novo nome e unha nova imaxe, cambio que pretende contribuír á unión dunha comunidade heteroxénea e a presentar un nome e un deseño que contribúa a que esta competición teña unha identidade de seu.
O logotipo do LEC representa a enerxía explosiva da liga e o choque entre os mellores equipos de Europa. A competición botará a andar o 18 de xaneiro de 2019, e contará coa participación de grandes equipos como Fnatic, Schalke 04, G2 eSports, Misfits Gaming, Origen, Excel eSports, Rogue, SK Gaming, Splyce e Team Vitality.
Dende o LEC salientan que son simplemente a evolución da LCS EU, de xeito que manterán a súa cultura, historia e tradicións, pero simplemente renova o seu aspecto para continuar a avanzar no camiño para converterse «na liga de eSports máis emocionante de todas».

PUBLICIDADE