A primeira xornada do Congreso de Drons aborda a lexislación, a ciberseguridade e as aplicacións profesionais

xoves, 24 de maio do 2018 Redacción

Desde hoxe xoves e até o sábado, un total de 20 mesas redondas e relatorios terán lugar na segunda edición do Congreso Internacional de Drons de Galicia, que reuniu aos maiores expertos nacionais e internacionais nas distintas temáticas tratadas.
O congreso comezaba coa mesa redonda sobre lexislación, unha temática que na primeira edición suscitou un enorme interese xa que se estaba debatendo entón o Real Decreto que regularía esta materia. Finalmente, en decembro do ano pasado o BOE publicada o marco normativo que ordena os aspectos principais do uso civil destas naves pilotadas por control remoto. A normativa veu introducir novos escenarios de aplicación non contemplados ata a data, como voos en cidade ou máis aló do alcance visual. Para realizar unha análise desta normativa, o congreso contou nesta primeira mesa coa participación de Víctor Manuel Gordo, (project manager de Ineco-Sesar), con Álex da Torre (coordinador da Unidade RPAS da Axencia Estatal de Seguridade Aérea) e co consultor Antonio Sousa, moderados por Ignacio Díaz de Liaño.
A seguinte mesa redonda tivo como tema central A ciberseguridade, un novo reto para os drons. O desenvolvemento dos drons supón un gran reto para a seguridade física, (accidentes en persoas, edificios, recintos ou outro tipo de instalacións…) e neste sentido, a ciberseguridade xoga un papel moi importante xa que estes dispositivos están expostos á perda de confidencialidade ou integridade nos seus voos xa que usan tecnoloxías e sistemas informáticos susceptibles de ser vulnerados. Nalgúns casos, o seu uso e aplicación non está a cumprir con todas as medidas legais e de seguridade adecuadas que xeren a confianza necesaria dun uso seguro. Por todo isto, a organización considerou imprescindible a celebración dunha mesa na que os expertos falaron sobre as cuestións técnicas e legais desta problemática, como a alteración e anulación de sinais de Wi-Fi ou GPS que dificulta a seguridade dos aparellos, ou os estándares de seguridade e normativas de protección de datos no que se refire á gravación de imaxes que poden verse afectadas e interferir na privacidade das persoas. Nesta ocasión participaron; baixo a moderación de Xullo Sánchez; Mariña Martínez (Framework Programme Officer at Spanish Office for Science and Technology CDTI – SOST), Belén Pérez (Network and Cybersecurity Engineer en Balidea) e Pedro Cabrera (Telecommunications & Security Ethical Hacking).
Tras a pausa de media mañá, sucedéronse dous relatorios sobre as Oportunidades para as tecnoloxías e servizos baseados en vehículos autónomos en H2020 e iniciativas europeas paralelas desenvolvida por Mariña Martínez; e o Plan estratéxico para o desenvolvemento do sector civil dos drons en España que expuxo Raúl Medina, director xeral de Aviación Civil. O uso de drons en contornas de certa dificultade ou de perigo é unha das tendencias que se observan en moitos dos sectores industriais e de servizos. Neste sentido, a presentación de Mariña Martínez fixo un repaso sobre onde as tecnoloxías e solucións embarcadas en drons e vehículos autónomos poden atopar o seu lugar nos retos sociais e liderado industrial do H2020. Tamén se dará unha visión de oportunidades noutros programas sinérxicos como a Blue Growth Initiative, programas da Unión Europea para a cooperación internacional e axuda ao desenvolvemento, ou os programas de índole de cooperación rexional.
Outras intervencións da sesión da mañá ocupáronse de mostrar as utilidades prácticas neste sector, como a aplicación web de Enaire Drons que pon a disposición de operadores e pilotos de aeronaves non tripuladas a información aeronáutica necesaria para planificar as operacións con total seguridade. A encargada de explicar esta ferramenta foi María Valdés, Enxeñeira en Xeodesia e Cartografía da división de información aeronáutica da empresa creadora.
Pola tarde, antes das mesas redondas previstas, tivo lugar a inauguración do congreso por parte das autoridades implicadas na súa organización e apoio. Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria; Miguel Santalices, presidente do Parlamento, Rosendo Fernández en nome da Deputación como vicepresidente, e os organizadores José Manuel Martínez (presidente de AGGETT) e Mario Cortés, decano do Colexio Oficial de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións foron os encargados de plasmar coa súa presenza o apoio institucional co que conta este Congreso. A xornada do xoves pechouse con dúas mesas redondas nas que se analizou, por unha banda, o espectro radioeléctrico e a integración dos drons. Nela revisouse a lexislación e a axilidade á hora de conceder frecuencias para o seu uso con drons, ademais das diferentes ligazóns de radio presentes nas comunicacións. No debate participaron Borja González (Investigador en AtlantTIC), Jorge Munir (head of innovation Gradiant) e Raúl Fernández (xefe provincial de Inspección de Telecomunicacións en Lugo), moderados por Xavier Alcalá (xestor de relacións tecnolóxicas en Drontec Ibérica).
As aplicacións desta tecnoloxía en agricultura e servizos forestais foi a temática de peche da xornada de hoxe, na que os expertos analizaron as necesidades e oportunidades que os drons incorporan a este sector. O deputado no Congreso Miguel Ángel Viso foi o moderador nunha mesa na que participaron Hugo Rodríguez (enxeñeiro forestal e delegado de zona de Servitec), Jaime Pereira ( Aerocámaras), Nazaret Álvarez (Colexio de Enxeñeiros Agrónomos) e Belén Reboreda (secretaria do Colexio de Enxeñeiros Forestais de Galicia).

PUBLICIDADE