A primeira PlayStation celebra os seus 20 anos

mércores, 3 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Hoxe é un día moi especial para Sony, xa que a compañía nipoa está a celebrar o 20º aniversario da PlayStation, consola que foi toda unha revolución por atreverse a chegar ao mercado nun momento no que SEGA e Nintendo acaparaban o sector, e conseguiu converterse no grande referente, cunha proposta moi sólida e unha marca que xa acubillou 4 xeracións de consolas domésticas, 2 xeracións de portátiles e incluso xogos para dispositivos móbiles.
Para celebrar os 20 anos da primeira PlayStation van pór á venda unha edición especial da PlayStation 4 que copia a estética da primeira integrante da súa familia, cunha acabado na mesma tonalidade de gris da PlayStation orixinal e empaquetada nunha caixa conmemorativa. O prezo desta PlayStation 4 tan especial será de 499 euros e estará limitada a só 12.300 unidades (cantidade inspirada na data de lanzamento da PlayStation). Dada a limitada produción desta consola non poderá adquirirse a través das canles de distribución habituais, e en breve darán detalles sobre como será posible facerse cunha destas exclusivas consolas dende España.


Vídeo promocional da edición especial da PS4 para celebrar os 20 anos de PlayStation

Ao alcance dun meirande número de xogadores están as ofertas que hoxe mesmo lanza Sony na PlayStation Store, onde destacan especialmente xogos da primeira PlayStation, como Oddworld: Abe’s Oddysee, Rayman, Tekken, Tekken 2 e Crash Bandicoot por só 1,99 euros, Tomb Raider e Tomb Raider II por 2,49 euros, Driver por 1,49 euros, Final Fantasy VII por 4,99 euros e moitos outros clásicos a prezos bastante atractivos.
Para PlayStation 2 tamén ofertan Medal of Honor European Assault a 2,99 euros e as distintas entregas de Grand Theft Auto a 3,99 euros. Tamén hai un importante número de xogos para PSP, PS Vita e PlayStation 3 de oferta, de xeito que os usuarios que non aproveitaron as promocións do Black Friday teñen agora outra grande oportunidade para ampliar o seu catálogo de xogos descargables nas consolas de Sony da anterior xeración.

PUBLICIDADE