A preincubadora universitaria Piuvi-Tecnópole Ou colle folgos cos seus primeiros ocupantes

luns, 1 de xullo do 2013 Redacción

A preincubadora universitaria do campus de Ourense, Piuvi-Tecnópole Ou, xa ten os seus primeiros ocupantes oficiais, con nomes e obxectivos concretos. Serán as iniciativas de emprendemento Bagup, Tuofertalocal e Fidex Track, tres propostas que veñen da man de cinco promotores, todos eles estudantes da Universidade de Vigo. Dende o niño da preincubadora, na Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia), tratarán agora de desenvolver cadanseus negocios, que segundo apunta a UVigo, xiran arredor de servizos tecnolóxicos para favorecer a exportación e importación doutras empresas (Fidex Track), de novos deseños para bolsas (Bagup) e de novas actividades en liña para impulsar o comercio local (Tuofertalocal). Na presentación oficial destas iniciativas participaron o reitor Salustiano Mato (quen salientou que hai un 15% de estudantes da UVigo que inician proxectos innovadores de negocio) e máis o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Antonio Varela.
O reitor tamén destacou que estes proxectos terán na preincubadora de Ourense dous elementos fundamentais no nacemento dunha empresa, como son un espazo físico de balde no que traballar e o acubillo e apoio das institucións da contorna, como a Cámara de Comercio e Industria de Ourense e a Confederación de Empresarios de Ourense.
Samuel Álvarez e David Pérez, alumnos do Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa da Universidade de Vigo, ocuparán un dos niños de Piuvi-Tecnópole Ou para desenvolver o seu proxecto Bagup, que aposta por crear un portabolsas ergonómico, máis polo miúdo un cilindro flexible e reutilizable que se insire nas asas das bolsas para evitar o efecto "corte" das asas nas mans por culpa do peso da mercancía. Pola súa banda, o estudante de Enxeñaría Técnica Industrial no campus de Vigo Sandra González e o recentemente titulado Diego Mazaira, apostan por pór en marcha Tuofertalocal. “Trátase”, informaron, “dunha plataforma web pensada para aglutinar a oferta de todo tipo de establecementos comerciais dunha mesma localidade, sendo o seu obxectivo o de ofrecer unha solución sinxela e accesible economicamente ao pequeno comercio para promoverse en Internet, ao tempo que lle permite ao consumidor ter nun único sitio web todas as opcións e promocións do comercio de proximidade”.
Pola súa parte, José Enrique Teijeiro, avogado e estudante da Facultade de Historia, presentou Fidex Track, un servizo de seguridade informática, protección de datos e prestación de solucións de xestión documental para PEME dedicadas á importación e exportación. Mediante ferramentas on line específicas e asesoramento especializado a baixo custo, a empresa prestará servizos externos para pequenos negocios sen capacidade para contar con persoal propio dedicado a estas tarefas.