A plataforma de avogados galegos AD quere ceibar de atrancos o chimpo dixital das nosas empresas

xoves, 23 de marzo do 2017 Fernando Sarasketa

O Hotel Porta do Camiño de Santiago acolleu hoxe a presentación dunha iniciativa de apoio tecnolóxico-xurídico directamente encamiñada a simplificar o chimpo das nosas empresas ao mundo dixital, tanto dende o punto de vista legal como no que atinxe aos aspectos económicos e temporais (con aforros de até o 30% en ambos parámetros). Falamos da plataforma Avogados Dixitais (Abogados Digitales), unha iniciativa que ten a súa razón e ser, en palabras dos seus creadores, “na necesidade de dar solucións á inseguridade legal que xera nunha manchea de empresas o descoñecemento das novas ferramentas tecnolóxicas”. Este baleiro de información, sinalouse, é hoxe por hoxe un dos principais atrancos á hora de darmos o salto ao mundo dixital.
Na presentación fíxose un repaso polos moitos recursos de utilidade que vai pór en xogo a plataforma Avogados Dixitais (AD). Para comezar, os aforros de tempo e diñeiro, que poden chegar a unha taxa do 30% en comparación coas iniciativas de dixitalización que poidan poñer as entidades por si mesmas. Por certo que isto (a devandita taxa do 30% e estas garantías legais) é aplicábel non só ás empresas tradicionais senón tamén ás start-ups e demais empresas do sector TIC, para as que tamén hai escollos de desenvolvemento que superar por mor de cuestións de índole legal.
No acto de hoxe explicouse que este incremento da eficacia e da efectividade é posíbel “porque AD combina por unha banda a experiencia, o coñecemento e a profesionalidade no ámbito legal, en todas as vertentes que atinxen ao empresariado (laboral, administrativa, fiscal, mercantil...), da man de catro dos máis importantes despachos de avogados de Galicia e, pola outra, pola traxectoria e experiencia do equipo da empresa tecnolóxica IOT Partners”.
Por certo que os catro despachos galegos que impulsan a plataforma son Olivares Avogados, Hinrichs Avogados, Iaraz, e APDTIC.
Estes datos foron achegados por Felipe García e por Álvaro Hinrichs, socios directores da iniciativa, quen salientaron tamén a importante vantaxe de contar cunha rede de máis de 25 colaboradores, “co que podemos traballar asinando a cada cliente un único interlocutor, que é quen se encarga de organizar a todo o equipo de especialistas ao seu servizo, sen que o empresario teña que preocuparse de ir de despacho en despacho”.
Pola súa banda, María Araújo, socia directora de AD, expuxo algúns casos reais do devandito aforro de tempo, esforzos e recursos, estimado como dixemos nun 30%. Puxo como exemplo o caso dunha hipotética firma innovadora de novo cuño, que para realizar os devanditos traballos de plena dixitalización tería que asumir entre 2.000 e 2.500 euros o primeiro ano só en cuestións legais, e, ademais, comunicándose e traballando con múltiples interlocutores (xestoría, avogado mercantil, civil, laboral, fiscal...); mentres que “con AD simplificaría os procesos cun só interlocutor e aforraría un 30% en diñeiro e en tempo”, explicou Araújo. Tamén amosou o caso hipotético dunha PEME tradicional e que tería que pór en xogo se quixera habilitar un proxecto de comercio electrónico. “Para comezar”, dixo, “non tería interlocutores nin sabería onde acudir para dar cobertura legal ao seu proxecto ou aos conflitos de reputación da marca”. Porén, engadiu, “con AD non só reduciría en máis dun terzo do total os seus tempos de xestión, sen intermediarios, senón que ademais sería quen de mellorar a súa imaxe de marca, sabendo en todo intre como actuar”.
Apoio a proxectos sociais con drons
A equipa impulsora de AD tamén anunciou a súa intención de implicarse socialmente na nosa terra, por iso, durante este ano 2017, fornecerá “asesoramento legal gratuíto a todos aqueles proxectos de drons que se dirixan a nós, e que sexan considerados viábeis e de interese para a sociedade galega, polo noso comité de avaliación”. Así o anunciou Paco Salgueiro, o experto do equipo directivo no sector tecnolóxico, con motivo do lanzamento da plataforma, quen engadiu que non será o único proxecto social que se vai a desenvolver.
Proxectos en marcha
Aínda que a presentación oficial de AD tivo lugar esta mañá en Santiago, o equipo que integra esta plataforma ten xa varios proxectos en marcha. Arestora, de feito, está a negociar coas máis importantes aceleradoras de empresas de Galicia, así como grandes empresas do sector legal e tecnolóxico, co fin de axudar en múltiples aspectos aos proxectos que abrollen dunhas e doutras. Froito disto son iniciativas como Connecting for Good (a aceleradora de proxectos emprendedores de índole social de Vodafone e AMTEGA a cuxas novas firmas AD empresta asesoramento legal durante os seis meses de aceleración) ou VíaGalicia (a aceleradora do Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta, que asinará un convenio con AD para dar asesoramento legal aos emprendedores durante o proceso de aceleración e colaborando, tamén, na auditoría legal das ideas presentadas).

PUBLICIDADE