A plataforma A Sega, recoñecida na Gala do Libro Galego
luns, 22 de maio do 2017
A
plataforma dixital A Sega,
unha iniciativa de crítica literaria e divulgación, na que
predomina unha clara vontade de romper con esquemas tradicionais no
que a xénero, fondo e forma se refire, vén de ser recoñecida na
segunda edición da Gala
do Libro Galego, que se celebrou o pasado venres no Teatro
Principal de Santiago e que serviu para mostrar, distinguir e
visualizar a excelencia do traballo literario realizado no ámbito
editorial ao longo do ano 2016 en Galicia.
A
Sega, máis polo miúdo, recibiu o o premio ao mellor proxecto
literario na Rede. Tívose en conta a súa arela de xuntar crítica e
divulgación e máis as oportunidades que fornece para afianzar a
análise literaria feita por mulleres, dende unha óptica claramente
feminista.
A
plataforma A Sega naceu a comezos de 2013 co obxectivo de “amosar
as obras escritas por autoras e realizar novas lecturas de todo o
acervo literario en lingua galega”.
Na equipa de impulsoras
atopábanse, nun primeiro intre, autoras como Mara Romero, Lara
Rozados, Andrea Nunes Briones, María Reimóndez, Beatriz Suárez
Briones e Susana Sánchez Aríns. Logo, dende aquela (ao tratarse
dunha plataforma de comunicación dixital aberta) fóronse sumando
máis autoras.
Esta
distinción e
as restantes da segunda Gala do Libro,
sen dotación económica, foron determinadas por un xurado externo
sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases
asociativas da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua
Galega (AELG), da Asociación Galega de Editoras e da Federación de
Librarías de Galicia, entidades convocantes da Gala do Libro Galego
2017.
En
ensaio gañou Labrego
con algo de Poeta
(Mercedes Queixas); en tradución Historia
do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña
(adaptado ao galego por Henrique Harguindey); en literatura infantil
e xuvenil a obra vencedora foi Jules
Verne e a vida das mulleres pranta,
de Ledicia Costas; en iniciativa bibliográfica impúxose Aulas
sen paredes,
de Rosalía Fernández Rial; en iniciativa cultural ou de fomento da
lectura a proposta gañadora foi o Ciclo
vermú entre libros,
da Libraría Paz; en libro ilustrado Canta
connosco,
de Óscar Villán; en teatro Moito
Morro Corporation
(de Carlos Labraña); en xornalismo cultural Zig-zag
Diario;
en narrativa Todo
canto fomos,
de Xosé Monteagudo; e en poesía O
cuarto das abellas
de Antía Otero.