A piques de comezar en Celanova a rodaxe dunha webserie

luns, 8 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

Temos máis proxectos audiovisuais galegos, a promover e distribuír na Rede, dos que dar conta. Con este comezo de semana puidemos coñecer detalles (non moitos) dunha webserie realizada por estudantes do grao en Comunicación Audiovisual (Pontevedra) e que se vai presentar ao público, de xeito oficial, no marco do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC), que se celebra días 17, 18 e19 de xullo. A iniciativa, que aínda fica na súa meirande parte en segredo (incluído o argumento e moitos detalles da rodaxe, que aínda está pendente de comezar), conta con catro actores e actrices da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. Sábese, iso si, que o equipo responsábel da iniciativa está a buscar localizacións en Celanova, sendo probábel que o escenario principal sexa unha casa rural das proximidades.
O vindeiro domingo 14 comezaran as gravacións desta webserie e o resultado poderá verse ao remate de cada unha das tres xornadas do curso no Auditorio Municipal Ilduara da devandita vila ourensá (AMIC).
Segundo sinalan fontes da Universidade de Vigo, dende o primeiro intre os rapaces e rapazas están a traballar coma profesionais. Para comezar, teñen un orzamento pechado que eles mesmos deben xestionar. De xeito paralelo á preprodución, os sete mozos e mozas están a traballar no deseño e implantación dunha campaña de promoción en liña “na que as redes sociais terán un papel determinante”. Por certo que a estrea da serie web tamén poderá seguirse a través da web de Uvigo TV.

PUBLICIDADE