A piques de comezar a cuarta edición das Xornadas TELGalicia
xoves, 2 de maio do 2013- Exterior do centro CITIUS no Campus Sur de Santiago
O luns
6 de maio o salón de actos do compostelán CiTIUS
(Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información)
acollerá a IV
Edición das Xornadas TELGalicia, unha
xuntanza promovida pola rede de ensino a
distancia RedeTELGalicia.
O acto en cuestión comezará ás 9:30 horas, cunha conferencia
sobre calidade nas aulas impartida por Inmaculada Plaza, profesora
titular da Universidade de Zaragoza (Calidade
nas aulas: realidade ou utopía?).
Emporiso, neste encontro quérese amosar a evolución do concepto
“calidade”, empregado no eido empresarial e incorporado ao ámbito
universitario nos últimos anos.
Así,
no relatorio abrangueranse aspectos como as dificultades de
aplicación deste concepto na vida cotiá académica e científica.
Asemade, a xornada completarase cunha intervención de Davinia
Hernández Leo, profesora do Departamento de Tecnoloxías da
Información e as Comunicacións da Universidade Pompeu Fabra de
Barcelona. Na súa exposición (TIC para
o profesor como (co-)deseñador e (co-)orquestrador de actividades de
aprendizaxe), Hernández Leo salientará
o rol das TIC á hora de facer máis doadas as tarefas do
profesorado, achegando unha visión global das ferramentas para
traballar en comunidade, así como programar actividades con alumnos
sobre contornas virtuais.
Engadir
que a organización das Xornadas TELGalicia lembra que o aforo é
limitado. Os interesados en asistir a esta xornada poden enviar un
correo electrónico con nome e apelidos a redetelgalicia@gmail.com
antes do venres 2 de maio.