A película en tres dimensións sobre a xira de U2, galardoada por MTV

xoves, 30 de outubro do 2008 Raquel Noya

O primeiro filme internacional relevante de National Geographic Entertainment, U2 3D, que produciu 3ality Digital, vén de ser galardoada como a Mellor Película Musical nos Premios MTV Latinoamérica celebrado recentemente en...
A longametraxe, que se estreou en España o pasado día 3 de outubro, xa leva recadados a nivel mundial preto de 20 millóns de dólares. Ao longo do vindeiro Nadal, amais de continuar proxectándose en España -nas salas de cine 3D de todo o país-, tamén se estreará en Xapón así como noutros países asiáticos e europeos.
U2 3D filmouse en América Latina ao longo da xira Vertigo de U2 e é a primeira película rodada en vivo, producida e proxectada en 3 dimensións dixital. Segundo veñen de apuntar os seus responsables, “a produción capta de xeito singular e auténtico a relación íntima que se da entre a banda e o público e marca un novo estándar na tecnoloxía dixital tridimensional”.
Dirixida por Catherine Owens e Mark Pellington, e producida por Jon Shapiro, Peter Shapiro e John Modell, entre outros, U2 3D, converte unha serie de concertos en vivo de un dos grupos musicais máis eloxiados do mundo nunha nova experiencia de entretemento que leva aos espectadores de viaxe polas súas xiras en Sudamérica.
En relación ao premio recibido nos MTV Latinoamérica, o director executivo do filme, Sandy Climan asegurou sentir “un gran pracer” e estar orgulloso de ter acadado ese recoñecemento.
Este foi a primeira longametraxe no que os produtores empregaron a súa tecnoloxía “innovadora” de 3-D e segundo afirmaron, estaban seguros de que a película gañaría os aplausos tanto do público como dos críticos “ao revolucionar a cinematografía, sendo o máis próximo a vivir a enerxía e emoción dun concerto de U2”.
O equipo de produción de U2 3D filmou os concertos celebrados nos estadios de fútbol de catro países de América Latina: en México, D.F. (México), en Säo Paulo (Brasil), en Santiago de Chile (Chile) e en Bos Aires (Arxentina).
En total, foron rodadas máis de 100 horas de metraxe en sistema dixital 3-D, gravando os temas máis emblemáticos de U2 como Sunday Bloody Sunday, Where the Streets Have no Name, With or Withourt You ou One, así como os seus éxitos máis recentes como Beautiful Day, Vertigo ou Sometimes You Can´t Make It On Your Own.

PUBLICIDADE