A partires do 17 de agosto Rayman Origins poderase descargar de balde

xoves, 11 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Hai un par de meses Ubisoft iniciou unha campaña para celebrar o seu 30º aniversario a través da que regalaría 7 videoxogos a razón de un ao mes, que poderían descargarse en formato dixital para PC, comezando por Prince of Persia: The Sands of Time, pasando logo a agasallar o xogo de infiltración Tom Clancy’s Splinter Cell, deixando clara a súa intención de dar a coñecer os seus clásicos modernos entre un amplo público. Este xogo estará dispoñible para a súa adquisición até o día 16, tras o que mudará a promoción para ofrecer un importante xogo que xa adiantan: Rayman Origins.
Este xogo que poderemos descargar de balde a partires do 17 de agosto pode considerarse que fixo historia ao demostrar que era posible continuar a facer grandes xogos de plataformas en 2 dimensións no contorno actual, recuperando unha franquía nacida en 1995 por Michel Ancel, de xeito que Rayman converteuse nun dos poucos personaxes de xogos de plataformas nacidos na era dos 32 bits que sigue en activo.
De Rayman Origins pódense destacar os seus gráficos coidados, a súa animada banda sonora, as súas mecánicas tan sinxelas como desafiantes e, en definitiva, un xogo moi excelente que por algo converteuse no punto de partida de varios xogos para dispositivos móbiles e o aínda mellor Rayman Legends.

Rayman Origins é un impresionante xogo de plataformas 2D cunha estética moi coidada e mecánicas moi divertidas que fixeron recuperar a confianza dos xogadores neste xénero

PUBLICIDADE