A partires da semana que vén só quedará unha tenda Blockbuster nos EE.UU.

venres, 13 de xullo do 2018 Marcus Fernández

A cadea de locais de aluguer de películas en formato físico Blockbuster chegou a ser todo un xigante a nivel mundial, pero o seu negocio foi esmorecendo paulatinamente, no que aseguraban que era culpa da piratería audiovisual, pero que o tempo demostrou que respondía a un cambio de hábitos de consumo moito máis profundo.
Aínda que a meirande parte do público daba por feito de que as tendas de Blockbuster desapareceran totalmente, nos EE.UU. aínda quedan un local el Oregón e dous locais en Alaska, estado cunha das peores penetracións da banda larga, o que podería xustificar a resistencia dos videoclubs a desaparecer, pese a que poden considerarse negocios obsoletos. Pero as tendas de Alaska xa teñen data de caducidade, e pecharán as súas portas o vindeiro 17 de xullo, poñendo fin a un negocio de 28 anos de actividade.
Como curiosidade, a tenda de Blockbuster en DeBarr (Anchorage) estaba a manter certo nivel de asistencia de público simplemente polo seu reclamo nostálxico e, de feito, no local tiñan en exposición obxectos dos actores Russell Crowe e Denzel Washington, mentres que dende a tenda en Fairbanks recoñecen que os poucos clientes que quedaban acudían ao establecemento simplemente por non poderse permitir un acceso rápido á Rede.
Alaska aínda mantiña 13 tendas de Blockbuster en 2013, caendo a 9 en 2016, e agora que pechan definitivamente a única tenda da cadea que manterá a súa actividade sería a de Bend (Oregón), o que fai estar pendente da súa supervivencia, xa que o seu peche será o adeus definitivo a unha rede que chegou superar os 9.000 establecementos en todo o mundo (varios incluso en Galicia).

A tenda de Blockbuster en Bend (Oregón) será a derradeira que manterá a súa actividade nos EE.UU.

PUBLICIDADE