A pandemia provoca un incremento na venda de ordenadores

venres, 10 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Aínda que estamos nunha situación económica complicada, e o mercado dos ordenadores persoais leva bastantes anos en caída, dende IDC aseguran que no segundo trimestre de 2020 experimentouse un incremento interanual do mercado dos ordenadores persoais tradicionais dun 11,2%, chegando ás 72,3 millóns de unidades.
No primeiro trimestre do ano houbo moitos problemas para atender a demanda de equipos por mor da pandemia, pero no segundo trimestre conseguiron manter subministro dabondo para atender a elevada demanda de equipos informáticos nun momento no que se disparou o teletraballo e a educación a distancia, fenómenos que atoparon uns fogares que non estaban debidamente equipados. Temos así que, pese a estarmos ante unha etapa de recesión económica, o mercado dos ordenadores medra, e incluso é posible que manteña este pulo nos vindeiros meses.
Dende Gartner tamén aseguran que o mercado dos ordenadores está a medrar, aínda que limitan este crecemento interanual nun 2,8%, chegando aos 64,8 millóns de ordenadores. Gartnet son prudentes, e non cren que este grande pulo na venda de ordenadores portátiles vaia ir máis aló do presente ano, pois entenden que a situación actual é unha consecuencia directa dos problemas de distribución no primeiro trimestre do ano e do disparo do uso de ordenadores dende o fogar durante o confinamento.
No noso territorio Gartner asegura que o incremento da colocación de ordenadores do mercado está no contorno do 20%, o que sería o principal incremento de vendas nos últimos 10 anos.

PUBLICIDADE