A pandemia leva á reformulación das JAI
mércores, 14 de outubro do 2020
A organización das Xornadas
sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI)
decidiu manter a edición de 2020 desta cita presentado hoxe e que terá lugar
entre os días 26 e 30 de outubro nun formato totalmente virtual, ao que
participantes e poñentes poderán acceder a través do Remote Congress de Teltek.
O director do evento, José Ignacio Armesto, acompañado por Eduardo Gómez de
Tostón, director xeral da empresa Alisys, nunha presentación presidida polo
reitor da UVigo, Manuel Reigosa, explicou o proceso de conversión das JAI nun
evento dixital, «que aínda que perde frescura, no que a interacción entre as
persoas se refire, gaña en que temos máis contidos e non quedamos restrinxidos
a un espazo concreto como foi a cidade de Vigo en edicións anteriores». Coa
participación confirmada de máis empresas que en 2018, preto dunha trintena, 75
poñentes e máis de 40 horas de conferencias, a primeira edición dixital das
xornadas introduce como unha das súas novidades a celebración de varias mesas
redondas na que destacados relatores e relatoras abordarán cuestións
relacionadas coa automatización, a ciberseguridade ou a dixitalización no
sector alimentario.
Pola súa banda, o director xeral de Alisys, que acompañou a
súa presentación con demostracións das capacidades de varios robots de servizo
e socias da firma, entre os que destaca Spot, o robot cuadrúpedo máis avanzado
do mundo, capaz de avanzar en terreos accidentados, baixar e subir escaleiras e
evitar obstáculos, incidiu na importancia da relación entre a universidade e a
empresa, «nesta 4ª revolución industrial na que nos atopamos, movida pola
intelixencia artificial, o big data e a Internet das Cousas», dixo
Eduardo Gómez de Tostón.
Postos e interaccións dixitais para as empresas participantes
Tras explicar que a raíz da cancelación doutros eventos do
ámbito da automatización, as Digital JAI «gañaron status» dentro do sector, o
director do evento detallou algúns aspectos novidosos desta primeira edición
das xornadas, como o feito de que as empresas participantes disporán de postos
dixitais, que serán xemelgos virtuais dos da última edición o evento. «Neses
stands as empresas terán interaccións dixitais con documentos .pdf, enlaces a
vídeos, o programa de actividades e tamén poderán celebrar seminarios web en
paralelo, pero en horarios diferentes, ás conferencias plenarias», explica o
director da Digital JAI e profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e
Automática da UVigo.
Se nas máis de 40 horas de sesións técnicas de media hora de
duración, os fabricantes poderán presentar as principais novidades nos seus
desenvolvementos, en colaboración con AER Automation e ISA Sección Española, as
Digital JAI acollerán catro mesas redondas nas que concorrerán destacados
representantes da industria, tanto do ámbito da tecnoloxía industrial, como
usuarios finais. Nestas sesións, o foco centrarase en cuestións como a
robótica, a automatización na industria da alimentación ou a ciberseguridade.
Organizadas polo Departamento de Enxeñaría de Sistemas e
Automática; a Escola de Enxeñaría Industrial e a Universidade de Vigo, as I
Xornadas Dixitais sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización
Industrial contan entre os seus socios con Beckhoff, Bonfiglioli, Bosch
Rexroth, B&R, Delta, Endress+Hauser, Festo, HMS Networks, HP, IFM, Kepware
(Logitek), KUKA Robots Ibérica y Lapp, OnRobot, Phoenix Contact, Pilz, Rockwell
Automation, SAS, Schneider Electric, Sick, Siemens, Universal Robots, WEG,
Weidmüller, Yamaha e Yaskawa.