A pandemia leva á cancelación do E3 e ao adiamento do Carballo Interplay e dos Premios TIC Galicia

mércores, 11 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Mentres continúan a medrar o impacto do COVID-19 a nivel internacional a Organización Mundial da Saúde (OMS) mudou finalmente a clasificación da situación para considerala pandemia, polo que o resto de anuncios da xornada non deberían collernos por sorpresa, como que o festival Coachella pospoña a súa celebración de abril a outubro, o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay suspenda a súa data de celebración no mes de abril confiando en que a VII edición deste festival poida celebrarse máis adiante; e incluso a meirande feira de videoxogos do mundo, o E3, decida finalmente cancelar a súa edición de 2020.
Dende o Carballo Interplay aseguran que o Concello de Carballo, organizador do evento, deciden adiar o encontro «por responsabilidade» e para «evitar risco de contaxio», pois non podemos esquecer que esta cita anual trae a numerosos participantes de distintos lugares de Galicia e incluso doutros países (como Portugal, o país convidade nesta edición).

E3 2020 cancelado

No caso do E3, a Entertainment Software Association leva semanas teimando na celebración do evento, pese á que as meirandes compañías de videoxogos de fóra de EE.UU. cancelaran a súa participación na edición deste ano por mor do coronavirus, pero finalmente deron o seu brazo a torcer, e por saúde e seguridade cancela o E3 2020 e comprométense a contactar con empresas participantes e visitantes para devolverlles os cartos achegados para poder participar neste evento que queda nunha situación moi comprometida, xa que leva anos en cuestión, por considerarse que o formato de eventos presenciais de impacto global carecen de sentido nun momento no que o público está afeito a informarse a través da Internet, permitindo que as compañías poidan comunicar as súas novidades directamente e sen ter que competir pola atención nun encontro moi concorrido.
Microsoft ía ser a empresa máis importante durante o E3, confiándose en que aproveitase a data para dar numerosos detalles sobre a nova xeración de Xbox, pero finalmente aseguran que ante a cancelación da feira celebrarán un evento dixital de Xbox do que darán máis detalles nas vindeiras semanas.

Premios TIC Galicia

Seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias de cancelar os eventos con importante afluencia de participantes, o Clúster TIC de Galicia decidiu aprazar a entrega dos Premios TIC Galicia, prevista para o vindeiro 2 de abril no recinto PALEXCO e englobada dentro do programa do Startup Congress Galicia.

O E3 é a feira de videoxogos máis importante do mundo, con grande volume de asistentes de todo o mundo

PUBLICIDADE