A nube de Xbox facilita xogar de balde a Fortnite en dispositivos móbiles

xoves, 5 de maio do 2022 Marcus Fernández

O ano pasado Apple expulsou as creacións de Epic Games da App Store, o que supuxo o adeus dos usuarios de iOS ao popular xogo Fortnite, o que a primeiros de ano podía solucionarse de entrar na beta pechada de duración limitada de Fortnite a través do servizo GeForce Now, opción que ten agora unha grande alternativa grazas a un acordo entre Microsoft e Epic Games que facilita xogar de balde a Fortnite a través de Xbox Cloud Gaming dende iOS, iPadOS, Android e ordenadores con Windows.
Esta acordo é unha grandísima sorpresa, xa que non precisa ser subscritor de Xbox Cloud Gaming para poder xogar a Fortnite, chegando cunha conta de usuario de Microsoft e un navegador web dende o que visitar xbox.com/play para poder así sumarse á acción en liña de Fortnite sen ter que instalar software adicional, o que agradecerán moitos usuarios móbiles, xa que incrementa considerablemente a dispoñibilidade do xogo de Epic Games.
Ao xogar a Fortnite dende o móbil con esta solución baseada na nube de Microsoft podemos tanto utilizar un mando compatible como tirar proveito dos controis táctiles nativos do xogo.
Dende Microsoft aseguran que no futuro facilitarán o acceso a máis xogos free-to-play a través da súa nube.

Vídeo no que anuncian a dispoñibilidade de balde de Fortnite en Xbox Cloud Gaming

PUBLICIDADE