A novena edición dos Premios Youtubeiras+ destacou a creación de contidos en galego na Rede
luns, 9 de febreiro do 2026
A novena edición dos Premios Youtubeiras+ coroou este venres en Ferrol ás canles e creadoras máis destacadas da creación de contidos en galego na Internet, nunha gala celebrada no Teatro Jofre que serviu tamén para reivindicar o papel das redes sociais como espazo clave para a normalización lingüística.
Presentaron a gala Leila Fernández, membro da canle O faiado podcast, e Carlos Vieito, integrante do proxecto Exército Mekemeke. A ela asistiron representantes das 28 canles finalistas.
Ao longo da velada, deuse a coñecer o ditame do xurado, que nesta edición estivo conformado por Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico.
O certame distinguiu nesta ocasión a Konachadas co Premio á Creación de Contidos, mentres que Rodri Míguez foi recoñecido como Mellor Canle polo seu labor xornalístico e pola promoción da música en galego. O galardón ao Mellor Podcast recaeu en Fóra de Mapa Podcast, valorado polo xurado pola súa capacidade para achegar, a través do son, realidades culturais e lingüísticas diversas cunha edición coidada e profesional.
Completan o palmarés Patri Otero, que recibiu o Premio á Calidade Lingüística; ChutenMeme, distinguida co Premio Rede polo seu impacto comunitario a través do humor; e O búnker debuxos, recoñecida como canle Revelación pola súa proposta de animación artesanal. O Premio do Público foi para o vídeo Cada historia, unha vida. O 25N no CEIP de Tarrío, de Xurxo Varela, elixido mediante votación popular.
Durante a gala, representantes institucionais puxeron o acento na diversidade temática e de formatos que acolle hoxe a creación dixital en galego, subliñando que o idioma é plenamente válido para comunicar ciencia, cultura, humor ou música en calquera plataforma. Tamén se destacou o compromiso das persoas creadoras que apostan polo galego nun contexto condicionado polos algoritmos e pola menor visibilidade das linguas consideradas minoritarias.
A edición de 2026 bateu o seu propio récord de participación, con 126 canles concorrentes, moi por riba das 89 da convocatoria anterior. O aumento explícase, en boa medida, pola ampliación das bases, que por primeira vez permitiron presentar contidos procedentes de calquera plataforma dixital, e non só de YouTube e TikTok. O certame recoñece así o traballo desenvolvido pola comunidade creadora ao longo de 2025 e consolídase como un referente na visibilización do galego no ecosistema dixital.
Á gala de entrega dos Premios Youtubeiras+ asistiron representantes das diferentes institucións organizadoras, como o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra; a concelleira de Normalización Lingüística de Carballo, Ángeles Pacoret; a concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude de Oleiros, María José Santos; a concelleira de Deportes, Relacións Veciñais, Festas e Rural de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro; a concelleira de Asuntos Sociais e Emprego de Rois, María Mercedes Basante; e a vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, Cristina López.
Vídeo da gala dos Premios Youtubeiras+
