A nova web do Concello de Ribeira permitirá realizar enquisas participativas entre a veciñanza

venres, 30 de xullo do 2021 S. P.

A partir do próximo luns 2 de agosto vai entrar en funcionamento a nova web do Concello de Ribeira: unha nova páxina máis dinámica, intuitiva, áxil e visualmente atractiva que a actual, cuxas características foron dadas a coñecer na mañá deste 29 de xullo nunha presentación que entre outros contou coa participación do alcalde Manuel Ruiz, as concelleiras saínte e entrante de Iinnovación Tecnolóxica, Ana Barreiro e Juana Brión, e o edil de Turismo Ramón Doval, que achegou detalles sobre a web específica que está previsto activar a vindeira semana.
Ana Barreiro recordou que esta iniciativa enmárcase dentro da EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020, financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020, e adscríbese á liña de actuación denominada Modernización da Administración e Smart Village Ribeira.
Tamén precisou que se trata dunha web accesíbel e responsive (capaz de adaptarse a calquera dispositivo). O técnico municipal de informática Ramón Martínez afondou nas súas características, explicando que “conta cun xestor de contidos de código aberto (liferay)” e describindo os seus apartados e prestacións, “algúns tan innovadores como o que conferirá a posibilidade de realizar entre a poboación enquisas participativas, en sintonía con algunhas das pretensións manifestadas polos grupos en diversos plenos da Corporación”. Ademais, advertiu de que dous dos seus apartados (o portelo dixital e a sección de transparencia) recibirán novos e importantes avances no marco das melloras en eAdministración que foron adxudicadas recentemente.
A sinxeleza do seu manexo permitirá que os distintos departamentos do Concello poidan actualizar os seus contidos nunha páxina que estará en dous idiomas: galego e castelán; mentres que a nova web turística do concello (www.turismo.ribeira.gal) vai incorporar tamén o inglés. Respecto a esta última páxina, ademais de recoller “a multiplicidade de recursos existentes no termo municipal”, incorporará utilidades tan prácticas como a “mochila do viaxeiro, na cal o usuario poderá ir confeccionando a súa propia ruta por aqueles lugares do seu interese”. Segundo engadiu Ramón Doval, “o deseño da web de Turismo Ribeira está enfocado en transmitir a imaxe de marca Ribeira co propósito de configurar unha percepción positiva no público que nos visita”.
Nova aplicación complementaria xa operativa
A que si está operativa é a nova aplicación complementaria da páxina web, que entre outras posibilidades permitirá transmitir incidencias, recibir novas ou acceder á plataforma comercial impulsada polo Concello o pasado verán Ribeira Store, ademais de permitir o acceso ás dúas webs presentadas este 29 de xullo unha vez entren en funcionamento.
Pódese descargar de balde tanto en Play Store como na App Store de Apple.
O alcalde Manuel Ruiz declarou que logo de renovar a identidade corporativa do Concello procedía renovar a súa imaxe en Internet, pois “é a primeira forma que ten a xente de achegarse á realidade dun concello”.
Ademais incidiu en que as súas novas funcionalidades van permitir mellorar tanto a acción municipal como as relacións da administración cos veciños dun xeito que vai permitir prescindir do papel cada vez máis.

PUBLICIDADE