A nova sede de Eganet, a punto para a súa primeira asemblea extraordinaria

martes, 7 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Mapa de localización da nova sede de EGANET

Eganet, a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías, ten xa operativa dende o verán unha nova sede en Santiago de Compostela, concretamente na rúa Pérez Constanti (moi preto da praza de Galicia), un céntrico emprazamento que lle está a permitir á entidade desenvolver o seu labor moito máis preto dos axentes e dos procesos tecnolóxicos, empresariais ou administrativos, que lle atinxen de maneira directa. As novas dependencias, coincidindo coa celebración dunha asemblea extraordinaria de Eganet, van ser presentadas de xeito oficial perante a xunta directiva ao completo este mércores día 8.
A nova sede da organización conta cunhas dimensións de 220 metros cadrados, superficie que, entre outras cousas, fixo posible a incorporación de servizos especialmente dirixidos a facilitar o traballo e a estadía dos asociados. Entre os servizos habilitados cómpre salientar o gabinete de tránsito (espazo axeitado para os intres entre sesións), acceso á Internet pola vía de Wi-Fi, equipamento tecnolóxico para a conexión á Internet e unha sala de xuntas a disposición das empresas que non teñen sede na capital ou que, téndoa, non está situada no centro da cidade.
A asemblea extraordinaria do mércores, que está previsto remate coa visita ás instalacións, constituirá a primeira xuntanza oficial da directiva na nosa sede.
Na xuntanza que se vai desenvolver a partir das 13.00 horas, o equipo responsable arestora da organización (Beatriz Legerén de Interacción, Mª Luz Castro de Imaxin, José Miguel Casal Lage de Shylex, Víctor López de AVA e Daniel Cerqueiro de Galinus) avaliará as liñas de actuación de Eganet cara ao futuro, liñas que se centrarán na profesionalización, especialización e formación dos empresarios do sector; na planificación estratéxica a nivel empresarial e como sector, para o cal se realizará un estudo de mercado e posicionamento das empresas galegas TIC; na procura de colaboración entre firmas e, engadido ao anterior, a potenciación e comercialización dos produtos e servizos das empresas do eido.
Sinalar que Eganet reúne a día de hoxe a 42 firmas ligadas aos contidos en liña e ás redes en xeral, tendo como misión principal a da defensa dos intereses do sector así como facer todo o posible para o afianzamento da Sociedade do Coñecemento na nosa terra.

PUBLICIDADE