A nova entrega de Zelda para Nintendo Wii recibe boas críticas

martes, 28 de novembro do 2006 Marcus Fernández

A aparición de novas consolas de videoxogos dirixe as miradas ós seus primeiros xogos, que son os que determinan o éxito ou o fracaso dos novos produtos de lecer electrónico, e así, xogos coma Nintendogs permitiron que a Nintendo DS se convertese na consola portátil de máis éxito da actualidade, e os de Nintendo parece que van repetir a mesma sorte coa súa Nintendo Wii grazas a xogos coma The Legend of Zelda: Twilight Princess, que está a colectar unhas críticas moi positivas por parte da prensa especializada, no que xa consideran que é unha obra mestra que sen dúbida será o referente da nova consola.
A última entrega de Zelda acabou unha valoración media do 96,4% entre 30 análises recompiladas pola web GameRankings, de xeito que é un dos xogos mellor valorados dos últimos tempos (só superado pola entrega de Zelda para a consola Nintendo 64 e mellorando os resultados dun clásico de loita coma Soul Calibur para Dreamcast).
Hai quen agarda que esta nota media se poida reducir mediante se incorporen novas análises á web, pero non parece que estea a pasar tal, xa que nos últimos días consolida a súa posición coma un dos videoxogos mellor acollidos da historia, do que se din cousa como que é “unha aventura de 60 horas en que cada momento é memorable” e mesmo se considera como a mellor entrega de Zelda por algunhas publicación.
En España haberá que agardar ó lanzamento da Nintendo Wii o 9 de decembro para poder comprobar a calidade do que promete ser o xogo estrela deste Nadal.

PUBLICIDADE