A nova edición do FIC OnLan celébrase do 17 ao 21 de febreiro

mércores, 25 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

Quen ande contando os días, e as horas, para un novo encontro informático para a mocidade, galego e próximo (en distancias e obxectivos), está de sorte. Segundo nos contan os responsábeis de FIC OnLan, o vindeiro mes de febreiro, coincidindo coa festa do Antroido, celebrarase a terceira edición da party coruñesa. Máis polo miúdo, será do venres 17 ao martes 21, unha vez máis na Facultade de Informática da Coruña.
Cun aforo de 200 participantes, está previsto o desenvolvemento dun máis que completo programa de concursos, obradoiros e competicións, estes últimos acompañados dunha nutrida listaxe de premios e recoñecementos.
Falarase, moito, sobre informática, redes sociais e tamén sobre programación en xeral, emprestándolle especial atención á actualidade TIC e aos servizos e ferramentas de meirande potencialidade, tanto a nivel persoal como de mercado. A inscrición xa está aberta para quen queira participar no encontro, estando os relatorios programados suxeitos a entrada libre. Tamén haberá zona extranet, onde se levarán a cabo todo tipo de actividades creativas ligadas ao lecer tecnolóxico, a engadir a posibilidade de tirarlles o máximo partido ás videoconsolas e xogos máis punteiros a día de hoxe no mercado.

PUBLICIDADE