A nova edición de XGN R Encounter supera a cifra de inscrición do ano pasado

xoves, 11 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A festa informática galega XGN R Encounter pon en marcha este 12 de outubro a súa décimo oitava edición, en Silleda, co obxectivo de superar o número de inscritos, a cifra de visitantes e o número de actividades (torneos, relatorios, concursos, presentacións) doutras edicións. O encontro, que vén novamente da man da Feira Internacional de Galicia ABANCA co respaldo da Consellería de Política Social e a colaboración e patrocinio da empresa R, conta este ano con 900 inscritos, fronte aos 800 da anterior convocatoria.
Terán o seu centro de operacións na zona Intranet, onde disporán dun posto para o seu equipo informático con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén a gozaren dun amplo programa de propostas e torneos exclusivos.
En palabras da organización, será unha ocasión inmellorábel para aprender, intercambiar coñecementos innovadores, divertirse e navegar a unha velocidade de 10 Gbps grazas a R, que despregou o ano pasado un cable de 120 quilómetros de lonxitude desde Vigo ata o recinto.
Amais disto, a party habilitará unha área Extranet para o público e os visitantes en xeral, á que poderán acceder de balde tanto os internautas inscritos coma os non inscritos. A previsión é contar cunha nutrida afluencia de persoas: calcúlase que unhas 1.500 pasen desde mañá ata o domingo por esta zona da XGN R Encounter aberta ao público.
Durante o evento desenvolveranse distintas actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, como concursos de arte dixital, nas súas tres vertentes: creación de imaxes dixitais, música dixital e a programación. Haberá competicións (para que abrolle o talento creativo dos participantes), obradoiros, conferencias e unha ampla listaxe de accións para os seareiros do hardware. Entre elas, a modificación, cambio e personalización dos equipos de cada quen, “para mellorar a súa estética ou as súas prestacións”, sinalan os organizadores, que engaden que tamén se dará acubillo a granxas de impresoras en 3D e a un espazo adicado á robótica (os talleres Crea R), onde a rapazada poderá introducirse de cheo na montaxe destes enxeños electrónicos. O programa tamén inclúe unha charla (Nativos R) dirixida a educadores, pais e avós que non naceron na era dixital pero conviven co xente que si que o fixo. Ambas as iniciativas enmárcanse no programa Digitalent da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), do que R forma parte.
En total serán máis de 60 as actividades dun programa que permitirá aos participantes gozar pero tamén formarse.

PUBLICIDADE