A nova edición de Vindeira Capital Network xa conta con 8 iniciativas de mercado inscritas

luns, 22 de xullo do 2013 Redacción

A nova edición de Vindeira Capital Network (VCN), máis ampliada en obxectivos e en ámbitos de acción, está a camiñar a bo paso. De feito, segundo nos contan o Clúster TIC de Galicia e máis a Plataforma Vindeira, organizadores do programa, a día de hoxe e co prazo de inscrición aberto até o 6 de setembro, formalizaron a súa participación oito start-ups. Estes proxectos empresariais, en virtude do seu achegamento á cuarta convocatoria de Vindeira Capitral Network, disporán dunha oportunidade real (tendo en conta o éxito das anteriores edicións) de atopar financiamento para as súas respectivas andainas.
Lembrar que a iniciativa non só está aberta a start-ups de recente creación, senón tamén a spin-off universitarias abrolladas ao abeiro dun centro de coñecemento e a spin-out corporativas vinculadas a empresas xa afianzadas no mercado e con experiencia. “Para todas elas”, informan o Clúster e vindeira, “a iniciativa VCN constitúe unha oportunidade única de entrar en contacto con investidores públicos e privados de toda España e atopar financiamento vía capital risco”. A maiores, como avanzamos ao comezo deste artigo (aludindo directamente a unha edición de obxectivos máis amplos e reforzados), a nova entrega de VCN ábrese a proxectos de múltiples sectores económicos, non só o sector tecnolóxico-dixital (por tradición o vinculado a VCN) senón tamén o biotecnolóxico, o audiovisual, o agroalimentario, o da automoción, ou, en definitiva, eidos de actividade especialmente ligados ao tecnolóxico e ao coñecemento innovador en calquera das súas manifestacións.

PUBLICIDADE