A nova edición da estratexia galega para previr o ciberacoso e a ciberdependencia ten xa 200 accións previstas

luns, 1 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e máis a Consellería de Cultura, tal e como avanzamos os días pasados, están a unir forzas, unha vez máis, para desenvolver accións conxuntas de sensibilización e formación sobre o emprego racional das redes e as ferramentas informáticas entre os nosos nenos e adolescentes. Estas accións, desenvolvidas ao acubillo do programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo (que vai pola súa terceira convocatoria), serán máis de 200. Como lembramos dende Código Cero hai unhas xornadas, un dos grandes obxectivos específicos desta campaña é previr na medida do posíbel prácticas como o ciberacoso ou a dependencia ás novas tecnoloxías.
Esta formación, incluída dentro do Proxecto Abalar, abrangue a participación activa dos especialistas do CPEIG, que irán aos centros educativos para impartir charlas divulgativas de unha hora de duración nas que lles ensinarán aos escolares a navegar por Internet dun xeito útil e responsable, “coa implicación tamén do profesorado”, sinala a Consellería de Cultura e Educación.
As sesión divulgativas estarán apoiadas por Guías de Boas Prácticas dirixidas tanto ao alumnado coma ás familias e profesorado, que se poden descargar en formato electrónico, e de balde, da web navegaconrumbo.es.
Reconto de cifras
Segundo fai saber o CPEIG, durante o ano 2010, os colexiados do Colexio impartiron un total de 90 sesións informativas en diferentes centros educativos de primaria e secundaria de Galicia ao abeiro do Programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo; en 2011 foron 138 accións formativas e no actual ano 2012 estímase que se programarán un total de 200 charlas.
En opinión do CPEIG, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria amosa -co apoio ao Programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo- “ser consciente da necesidade de que os actuais alumnos e alumnas, como futuros cidadáns, desenvolvan as capacidades necesarias para a realización dunha navegación e uso seguros da rede Internet”.
Para o CPEIG “é fundamental preservar a privacidade dos datos persoais e previr posibles fraudes no uso de Internet”.
Son dúas as estratexias definidas no marco do Proxecto Abalar: a primeira desenvólvese no eido técnico a través de infraestruturas instaladas e servizos tales como os filtros web, o control no uso de determinadas aplicacións, a xestión centralizada dos equipos Abalar ou o emprego de sistemas baseados en software libre que son analizados por unha comunidade mundial na busca de vulnerabilidades de seguridade. A segunda estratexia, a máis importante consonte á opinión do CPEIG, consiste na prevención dende a perspectiva educativa con iniciativas como é o Programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo.

PUBLICIDADE